Friday 22 de November de 2024

Os nenos e nenas dos campamentos urbanos do Concello de Noia desfrutan do tobogán de auga de Vella Escola, no programa Rúas Vivas


 

Os corenta nenos e nenas que participan na segunda quenda dos campamentos urbanos de conciliación programados polo Concello de Noia participaron hoxe nunha das actividades incluídas no programa de Rúas Vivas: un tobogán de auga da man de Vella Escola. A rapazada, de idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos, desprazouse do IES Campo de San Alberto ata a rúa do Curro, acompañados pola concelleira de Deportes e Mocidade, Laura Salgado.

Durante unhas tres horas, a rapazada do campamento sumouse aos nenos e nenas presentes no Curro e deslizáronse polo tobogán disposto por Vella Escola, ben sobre táboas de surf e flotadores, ben directamente sobre a superficie deslizante. Os monitores do campamento axudaron a impulsar aos pequenos, que comezaron con certo respecto pero remataron lanzándose con carrerilla.

Música para a fin de semana

A programación de Rúas Vivas para esta fin de semana inclúe dous concertos. Así, Togayán actuará mañá sábado 20 de xullo, ás 22:00 horas, na rúa da Condesa. O domingo 21, a Banda de Música de Noia fará o primeiro dos seus seis concertos incluídos no Rúas Vivas 2019. Será ás 20:00 horas, na praza da Constitución.