Os concellos beneficiarios teñen a posibilidade de imputar os gastos derivados das accións normalizadoras que se realicen no período que vai desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2019 e o prazo para xustificar as axudas rematará o vindeiro 21 de outubro
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, informou da resolución das axudas da Secretaría Xeral de Política Lingüística pola que se conceden subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega, ao abeiro da convocatoria regulada na Orde do 15 de marzo de 2019.
Un total de cinco concellos de Ferrolterra recibirán ditas axudas, que se distribúen entre as entidades locais que as solicitaron, ben individualmente, ben agrupadas con outras ata alcanzar os 3000 habitantes mínimos que esixía a convocatoria.
Con este apoio da Xunta de Galicia, as entidades beneficiarias prestaranlle á poboación servizos lingüísticos baixo algunha das tres modalidades obxecto de subvención: a creación dunha unidade técnica de traballo, o mantemento das xa existentes ou a implementación de programas de dinamización lingüística.
A contía asignada a esta comarca é de máis de 15.000 euros. Os concellos beneficiarios teñen a posibilidade de imputar os gastos derivados das accións normalizadoras que se realicen no período que vai desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2019 e o prazo para xustificar as axudas rematará o vindeiro 21 de outubro.
Con esta resolución, créanse dous novos servizos lingüísticos e apóiase a continuidade da actividade doutras 35 unidades técnicas de traballo que lles dan cobertura a un total de 42 concellos en Galicia.
De máis a máis, as subvencións contribúen ao financiamento de diferentes programas de dinamización en 35 municipios que reciben a axuda para desenvolver actividades ou campañas de promoción do uso do galego, en concreto aquelas que redunden nos ámbitos da perspectiva de xénero e da igualdade, dos servizos sociais, do tecido económico e empresarial, do deporte, das TIC e da mocidade, en consonancia co Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020 que está a desenvolver a Xunta de Galicia e co Plan de dinamización da lingua galega na mocidade 2019-2022 que a Secretaría Xeral de Política Lingüística presentou recentemente no Parlamento de Galicia.