Os concellos beneficiarios teñen a posibilidade de imputar os gastos derivados das accións normalizadoras que se realicen no período que vai desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2019 e o prazo para xustificar as axudas rematará o vindeiro 21 de outubro
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, informou da resolución das axudas da Secretaría Xeral de Política Lingüística pola que se conceden subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega, ao abeiro da convocatoria regulada na Orde do 15 de marzo de 2019.
Un total de cinco concellos de Bergantiños-Costa da Morte recibirán ditas axudas, que se distribúen entre as entidades locais que as solicitaron, ben individualmente, ben agrupadas con outras ata alcanzar os 3000 habitantes mínimos que esixía a convocatoria.
Con este apoio da Xunta de Galicia, as entidades beneficiarias prestaranlle á poboación servizos lingüísticos baixo algunha das tres modalidades obxecto de subvención: a creación dunha unidade técnica de traballo, o mantemento das xa existentes ou a implementación de programas de dinamización lingüística.
A contía asignada a esta comarca é de máis de 15.000 euros. Os concellos beneficiarios teñen a posibilidade de imputar os gastos derivados das accións normalizadoras que se realicen no período que vai desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2019 e o prazo para xustificar as axudas rematará o vindeiro 21 de outubro.
Con esta resolución, créanse dous novos servizos lingüísticos e apóiase a continuidade da actividade doutras 35 unidades técnicas de traballo que lles dan cobertura a un total de 42 concellos en Galicia.
De máis a máis, as subvencións contribúen ao financiamento de diferentes programas de dinamización en 35 municipios que reciben a axuda para desenvolver actividades ou campañas de promoción do uso do galego, en concreto aquelas que redunden nos ámbitos da perspectiva de xénero e da igualdade, dos servizos sociais, do tecido económico e empresarial, do deporte, das TIC e da mocidade, en consonancia co Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020 que está a desenvolver a Xunta de Galicia e co Plan de dinamización da lingua galega na mocidade 2019-2022 que a Secretaría Xeral de Política Lingüística presentou recentemente no Parlamento de Galicia.