Friday 22 de November de 2024

O Ciclo Principal do Teatro Rosalía traerá en outono obras de máxima actualidade, clásicos e esperpento


 

Os abonados poderán renovar a súa fidelidade desde o 22 de xullo e para os novos interesados, habilitaranse os días 5 e 6 de setembro

O Concello presentou esta mañá unha nova entrega do Ciclo Principal, que dará comezo o 19 de setembro coa representación da obra “Adiós Arturo”, de La Cubana, e pecharase o 22 de decembro coa posta en escena de “Se fosen turistas levarían gafas de sol”, de De Limiar Teatro, e dirixida por Fran Núñez. No acto participaron o concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, e o director do teatro Rosalía, Paulo Rodríguez, onde informaron que serán once as producións teatrais coa interpretación de actores da talla de Núria Espert, Carmen Maura, María Hervás ou Alfonso Lara. O responsable do auditorio lembrou a boa saúde do ciclo “querido e buscado polo público” e que terá na nova programación unha importante presenza de títulos galegos e variedade de xéneros que alimentarán á butaca de historias actuais pero tamén de clásicos e de creacións con tintes biográficos como a do artista coruñés Arturo Cirera en “Adiós Arturo”.

“Donde el bosque se espesa”, de Laila Ripoll e Mariano Llorente, traerá en setembro o misterio dunha caixa, a que deixou a nai de Antonio e Isabel como legado para pasar á denuncia social con “Invisibles”, o 26 de outubro, inspirada na novela de Montse Fajardo e con Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez.

Kamikaze Producciones virá o 11 e 12 de outubro con “Jauría”, de Jordi Casanova e con Miguel del Arco como director para levar ás táboas o capítulo recente de A Manda, en Pamplona, unha peza construída a través das transcricións do xuízo.

“Curva España”, de Xron, abordará un crime sen resolver nunha pequena comunidade da Galicia interior e dentro dun contexto social como é o nacemento do estado liberal español nos séculos XIX e XX. Estará protagonizada por Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira e nela, cruzaranse realidade e ficción. Neste outono, os espectadores tamén poderán revivir o “Romancero Gitano”, de García Loca, a través da produción de Julio Álvarez e Interludio SL. Neste caso, será Núria Espert quen lle dará voz aos poemas do autor granadino. Quico Cadaval e Producións Teatrais Excéntricas presentarán o 8 e 9 de novembro “Carpe Diem”, un texto de Rubem Fonseca, que contará con María Costas, Marcos Vieitez, Víctor Mosqueira e Mon Orencio e Carmen Maura fará parella con Félix Gómez en “La Golondrina”.

Pola súa parte, Alfonso Lara, Mar Ulldemolins e Alberto Iglesias estarán xuntos nunha versión actualizada de “La Strada”, de Federico Fellini e Tulio Pinelli, con Mario Gas á fronte. O esperpento de “Luces de Bohemia” asomarase en decembro da man de Teatro Clásico de Sevilla e o ciclo rematará cunha coprodución galega, portuguesa e uruguaia na que participa o Centro Dramático Galego e que afonda na memoria do exilio e da emigración. Titúlase “Se fosen turistas levarían gafas de sol”.

ABONOS

As persoas que queiran renovar os seus abonos poderán facelo do 22 de xullo ao 3 de setembro no despacho de billetes da praza de Ourense. Os que precisen cambiar de asento, de localidade ou de día (venres ou sábado) deberán notificalo o
4 de setembro e optarán unicamente ás butacas que non estean ocupadas.

Para os novos socios, habilitaranse os días 5 e 6 de setembro e a venda de entradas soltas comezará a partir do 9 de setembro. Os abonos teñen un 25% de desconto sobre o prezo da localidade e inclúe todas as funcións dobres programadas en venres e sábado. As funcións soltas son “Adiós Arturo”, “Invisibles” e “Se fosen Turistas levarían gafas de sol”, sobre as que se aplicará igualmente un
25% de desconto para os abonados.