Friday 22 de November de 2024

Inés Rey anuncia a súa intención de incorporar á Universidade no deseño urbano da cidade


A alcaldesa asegura que a Universidade terá un papel predominante no deseño de axenda urbana que inclúe retos como o desenvolvemento da fachada marítima, a Cidade das TICs, ou o plan de Mobilidade

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou esta mañá que Concello e Universidade irán da man no futuro deseño urbano da cidade. “A Universidade terá un papel predominante e importante no desenvolvemento da axenda urbana da cidade e traballaremos conxuntamente nos novo retos que afronta a cidade”, apuntou.

Retos como o deseño da futura fachada marítima, unha vez que a cidade recupere o chan dos peiraos, e a posta en marcha da Cidade das TICs. Un proxecto estratéxico para a cidade que conta co respaldo dun clúster de empresas, e que posibilitará a chegada de empresas tecnolóxicas e impulsará o tecido económico da cidade.

Así o manifestaron esta mañá durante a reunión que mantivo co reitor, Julio Albade, e que serviu para perfilar as liñas de cooperación e traballo entre ambas institucións. Medidas encamiñadas, tal e como explicou o reitor para mellorar as condicións de desenvolvemento económico, social, cultural e educativo da Coruña. Incorporar á Universidade ao deseño do proxecto é unha aposta e unha mostra de que o Concello quere contar coa Universidade e implicala no desenvolvemento da cidade.

En canto á Cidade das TIC, tanto a rexedora como o reitor confirmaron que o Goberno está a cumprir cos prazos correspondentes para dispoñer do chan que permita a posta en marcha do proxecto e asegurou que a interenidade do Executivo de Pedro Sánchez non freará o parque tecnolóxico. A alcaldesa asegurou que o executivo de Sánchez transmitiulle absoluta tranquilidade.

O importante, dixo o reitor, é “ser capaces de crear un polo de innovación e transformación tecnolóxica ao que, sen dúbida, iranse sumando as empresas”.

Por outra banda, durante a reunión tamén se perfilaron as liñas de cooperación en temas de mobilidade. Un plan que deberá recoller a situación actual da cidade e da súa área metropolitana.

A idea é facer un plan definitivo e global co maior consenso posible e participación para poñelo en marcha neste mandato e poder ver os resultados de inmediato. O obxectivo é facer unha cidade moderna, sustentable e habitable. Para iso, primarase o transporte público, o carril bus, o carril bici e ofreceranse alternativas ao uso do vehículo privado.