Saturday 16 de November de 2024

A Xunta impulsa a dinamización da lectura a través de axudas a 15 bibliotecas municipais de Ferrolterra


A dotación orzamentaria deste programa da Consellería de Cultura e Turismo na comarca de Ferrol beneficia a 14 concellos e ascende a máis de 15.000 euros

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, informou da resolución das axudas a entidades locais para a programación de actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas e axencias de lectura de titularidade municipal das que se beneficiarán un total 15 centros da comarca de Ferrolterra en 14 concellos.

Estes centros recibirán máis de 15.000 euros destinados á realización de actividades de animación á lectura no marco do programa Ler conta moito, unha iniciativa coa que a Xunta de Galicia pretende contribuír á promoción da lectura como un vehículo de enriquecemento e de aproveitamento persoal.

Para optar a estas axudas, as bibliotecas ou axencias de lectura teñen que estar adheridas a este programa mediante o cal poñen a disposición dos profesionais dinamizadores as infraestruturas necesarias para o desenvolvemento efectivo de cada actividade contratada, organizar puntualmente cada función e colaborar nas accións complementarias ás actividades para o seu maior aproveitamento por parte dos usuarios.

O importe concedido a cada concello, superior a 1000 euros para cada unha das bibliotecas ou axencia beneficiarias, deberase empregar para financiar o 75% do custo de cada unha das actividades e deberase financiar con fondos propios o 25% restante.

As actividades incluídas nesta iniciativa son moi diversas, desde obradoiros creativos, narración oral, divulgación do coñecemento, audiovisual na biblioteca ou actividades de dinamización con música, teatro e danza, entre outros. Todas estas iniciativas están dirixidas a públicos específicos, como bebés de 0 a 3 anos, mozos e adultos e desenvolveranse ata o 27 de outubro de 2019.