Friday 22 de November de 2024

Goberno local e empresarios reúnense para articular fórmulas de colaboración dirixidas a dinamizar o sector servizos


Representantes do Goberno do Concello e da Asociación de Empresarios de Riveira mantiveron esta mañá no Consistorio unha primeira reunión na busca de fórmulas de colaboración destinadas a dinamizar e impulsar o sector servizos no noso municipio.

Por parte do Executivo participaron a primeira tenente de alcalde, María Sampedro, e o concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo, Promoción e Dinamización Económica, Ramón Doval, mentres que por parte do colectivo empresarial asistiron nesta xuntanza o presidente Francisco Martínez e o seu asesor xurídico, Manuel Alfonsín.

A articulación de incentivos á hora de acudir á cidade para comprar e consumir, a posta en marcha de actividades lúdicas complementarias por parte do Concello, a concesión de facilidades de aparcamento a potenciais clientes ou a utilización dunha marca que sirva para potenciar unha identidade común e atraia novos visitantes, foron algúns dos temas abordados nesta primeira toma de contacto.

Axudas ao estacionamento
Un dos asuntos postos enriba da mesa foi o de alcanzar algunha fórmula de colaboración dirixida á concesións de axudas ao estacionamento por tempo limitado para aqueles que realicen unha compra ou acudan a un local de hostalería ou restauración.

Asemade, de cara á celebración do 9 ao 11 de agosto da feira Viamare Stock no paseo do Malecón, o Concello comprometeuse a organizando accións lúdicas complementarias (como inchables) e a colaborar na tramitación dos correspondentes permisos con Portos de Galicia.

Outro dos puntos analizados foi a implantación da marca institucional e turística na que está traballando o Concello dentro do programa Máis Riveira Atlántica 2020 a efectos de potenciar unha identidade propia que faga máis atractiva a afluencia de visitantes tanto á cidade como ao concello en xeral.

Por último, tamén se falou da conveniencia de ampliar e fortalecer no transcurso do ano a organización de actividades infantís (como inchables e outros) para animar as rúas e prazas.

Os representantes de Empresarios e Concello xa se emprazaron a manter en breve unha nova reunión e seguir afondando en todos estes aspectos.