Friday 22 de November de 2024

Igrexafeita e Ferreira prepáranse para acoller dous dos tramos cronometrados do Rallye de Ferrol


 

O Campionato de España de rallys volve pasar por San Sadurniño. Farao ao longo da mañá do sábado e primeiras horas da tarde dentro do Rallye de Ferrol, que fai este ano o medio cento de edicións sobre unha distancia próxima aos 460 quilómetros repartidos en catro seccións, dúas etapas e 10 tramos cronometrados. Dous deles disputaranse seguindo o mesmo trazado do ano pasado con saída na Penalonga -Igrexafeita- e chegada a Recemel, xa no concello das Somozas, despois de cruzar a parroquia de Ferreira. Co gallo da competición estarán pechadas ao tráfico varias pistas municipais destas dúas parroquias entre as 8.40h. e as 11.30h. e desde as 13.30h. até pasadas as 16.15h., salvo que algunha incidencia na carreira retrase as previsións horarias.

Na competición tomarán parte un total de 70 equipos, con nomes tan destacados coma o de Iván Ares, José María López Planelles, Joan Vinyes, Roberto Blach ou Víctor Senra. A proba é a sexta puntuable para o campionato estatal de asfalto. Tamén se disputarán a Copa Suzuki e a Copa Suzuki Switf JR, ademais de formar parte do Tour European Rally.

Cómpre sinalar, ademais, que cada vez hai maior presenza feminina, anque os homes sigan sendo maioría. Do total de participantes -140 en total entre quen guía e quen copilota-, só hai 15 mulleres inscritas e, delas, dúas ao volante: Noelia Lorenzo -con Iván Bouza de copiloto- e Carolina Espadas, acompañada nas notas por Cristina Dimas. A esta cuestión referiuse o alcalde, Secundino García, na súa colaboración coa revista do rally. “Cóntanse por centos as afeccionadas que se seguen os tramos e tamén vai medrando a presenza feminina en competición e nos labores organizativos. Pero, penso eu, as cousas teñen que mudar aínda máis. Sei que non é unha cuestión que dependa da Escudería Ferrol, quen fai un excelente labor para que a proba sexa un éxito, tamén neste aspecto, senón de promover desde todos os ámbitos -institucións, escuderías, equipos, firmas comerciais, etc.- que as mozas accedan a un mundo, o do motor, aínda moi masculinizado. Un rally esixe principalmente forma física e intelixencia, cualidades que non dependen do xénero, os coches andan o mesmo guíe un home ou guíe unha muller, só fai falla que elas teñan a oportunidade de demostralo”, comentou García.

O rally pasará por San Sadurniño en dúas ocasións, unha a partir das 10.10h. e outra a partir das 15.01h., segundo consta nas previsións horarias da organización. Nos dous casos farán o mesmo percorrido, que cobre unha distancia total de 20,06 km.

O crono empezará a contar na Penalonga, en Igrexafeita, desde onde os coches iniciarán un vertixinoso descenso pasando pola Fraga -Ferreira- ata preto dos Pontigos, onde retomarán a subida con rumbo a Cadavás.

Cruzarán a estrada provincial practicamente no aire, collendo logo un anaco de pista municipal que, poucos metros despois, levará os vehículos de novo á vía da Deputación, por onde continuarán até o cruzamento da Santa (A Leiriña). Nese punto collerán á esquerda e encamiñaranse a Santiso e As Filgueiras seguindo un itinerario moi rápido e técnico en baixada. Logo subirán de novo ao Xestal, San Cristovo e a Chabola, lugar predilecto para o público por estar alí unha das curvas clásicas da cita. Nese punto enlazarán cun descenso acusado até Amido, lugar de Igrexafeita no que o rally abandonará territorio de San Sadurniño para entrar na súa segunda metade xa en pistas das Somozas.

O trazado non varía con respecto ao ano pasado e segue á inversa parte do percorrido do Rally de Narón. O que si se modifica é a xestión do tráfico no tramo, que nesta edición se abrirá entre as dúas pasadas seguindo os seguintes horarios, que poden variar dependendo de como se vaia desenvolvendo a proba:

8.40h. a 11.30h. (aprox.): Tráfico cortado
11.30h. a 13.30h.: Circulación aberta. A organización manterá todo o equipamento -postos de control stop, sinalización, etc.-, pero poderase transitar polo trazado. Iso si, recoméndase que o paso se faga só se é imprescindible e seguindo o sentido do rally para evitar embotellamentos.
13.30h. a 16.15h. (aprox.): Tráfico cortado
Desde o Concello recoméndase seguir os consellos de seguridade da organización, nomeadamente no referido a zonas prohibidas para o público. Tamén se pide precaución nas estradas e nos accesos aos puntos de maior interese, como pode ser a famosa curva de Ferreira.

As razóns destas recomendacións son principalmente dúas: unha, a de garantir que non se produzan incidencias durante o desenvolvemento da proba -ou nos desprazamentos para vela- e, outra, que no caso de haber algún accidente grave os servizos de emerxencias teñan un acceso doado a calquera punto. De aí a importancia de estacionar correctamente e de seguir ao pé da letra as recomendacións, que a propia organización condensou nun vídeo protagonizado por algúns dos nomes máis destacados do automobilismo galego.

Outra petición que se fai desde o Concello e a organización ten que ver máis co civismo: non debe deixarse lixo por razóns obvias e, ademais, porque a práctica totalidade de lugares reservados para o público son leiras e montes privados.