O departamento municipal de Igualdade pechou hai uns días o prazo de solicitude para a quenda de agosto da Aldea de Verán, o programa socioeducativo impulsado polo Concello co que se pretende axudarlles ás familias a compatibilizar o traballo coa atención á rapazada durante os meses do verán. Admitíronse todas as peticións -28 en total- e incluso quedaron arredor de 12 vacantes, polo que aqueles pais e nais que non o fixesen nos prazos oficiais poden botar nestes días a súa solicitude. Aconséllase contactar coa axente de Igualdade -981 490 027 ext.1- para obter máis información e, de ser o caso, tramitar a petición.
A Aldea de Verán proponlles aos nenos e nenas unha chea de actividades que na presente edición terán como fío condutor o mundo dos contos. A través deles traballarán valores como o de saber compartir, respectar ás compañeiras e compañeiros, respectar as regras dos xogos, escoitar, a práctica da empatía, o coidado da natureza, a igualdade, etc. Cuestións que, en definitiva, son de aplicación tanto para a aprendizaxe e a convivencia na Aldea como para calquera outro ámbito da vida.
O espazo de referencia da Aldea de Verán está sendo o ximnasio do CPI de San Sadurniño, aínda que a rapazada tamén acode un día por semana á piscina e outro á Casa da Cultura, ademais de ter actividades noutros espazos dos arredores do centro urbano, como os xardíns municipais ou o paseo fluvial.
Para a primeira quenda do campamento, a deste mes de xullo, o Concello recibiu 41 solicitudes, todas elas admitidas. Nelas incluíanse 15 peticións de reserva de praza tamén para agosto, co que de cara á segunda quenda -a do mes que vén- se ofertaron arredor de 25 prazas que cumpriu solicitar entre o 2 e o 12 de xullo. Como resultado dese prazo contabilizáronse outros 13 formularios de inscrición. Resumindo: para agosto cumprimentáronse 28 solicitudes, o que significa que aínda quedarían 12 vacantes para gozar do servizo en agosto.
O horario global das actividades é de 8.30 a 14.30 horas de luns a venres dividido en dúas quendas segundo a hora de entrada: unha de 8.30 a 14.30h. e outra entre as 9.30 e as 10.00h. e remate ás 14.30 horas. Hai tres documentos nos que se achega toda a información: a ficha de solicitude e información sobre a adxudicación de prazas , unha folla de autorización e a ficha co cuestionario médico. Porén, insistimos en que se debe contactar coa axente de Igualdade para solventar calquera dúbida ou para presentar as solicitudes, preferentemente en horario de 8.30 a 12.00h. de luns a venres.