Esta semana comezou a roza das pistas de monte
O Concello de Frades vén de rematar a primeira fase dos traballos de roza dos máis de 600 quilómetros de pistas e estradas que compoñen a súa rede viaria municipal. Os traballos, que comezaron a realizarse o pasado 1 de maio con dous tractores, permitiron rozar máis de 300 quilómetros de estradas. “Levamos rozado máis de 300 quilómetros de pistas, todas as asfaltadas de todas as parroquias. E estamos dándolle un segundo pase ás estradas principais”, explica Manuel Ferreiro Marzoa, concelleiro de Medio Rural e Limpeza Viaria.
“A partir deste mes de xullo, un dos tractores dedicarase en exclusiva ás pistas de monte mentres que o outro seguirá completando rozas nas distintas parroquias co obxectivo de que cada unha delas estea nas mellores condicións para o día da súa festa”, apunta Manuel Ferreiro. Estes traballos de roza estenderanse durante todo o verán, ata limpar así os case seiscentos quilómetros de rede viaria municipal do concello de Frades.