Participa unha vintena de mozas e mozos de 8 comunidades autónomas
Os Concellos de Boqueixón e Vedra iniciaron a pasada fin de semana un campo de voluntariado nacional. Unha vintena de mozas e mozos de entre 18 e 30 anos e procedentes de 8 comunidades autónomas (máis concretamente, Andalucía, Aragón, Baleares, Castilla y León, Comunidad Valenciana, Galicia, Madrid e País Vasco) desenvolverán diverso tipo de actividades ata o vindeiro 24 de xullo.
Os alcaldes boqueixanés e vedrés, Manuel Fernández Munín e Carlos Martínez Carrillo, respectivamente, ofreceron unha recepción oficial a todas as persoas participantes nesta acción desenvolvida a través do programa estival da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Ambos os dous rexedores animaron á mocidade a descubrir o Val do Ulla e a dalo a coñecer nos seus respectivos países de orixe, ao tempo que lles desexaron unha estancia moi frutífera nestes dous municipios do Val do Ulla.
Baixo o título Vía Xacobea: Camiño de Santiago, este campo de voluntariado nacional ten como principais obxectivos a posta en valor da etapa desta Ruta Xacobea, ao seu paso polos municipios de Boqueixón e Vedra. Así, a mocidade asistente porá en marcha diverso tipo de accións, entre as que se atopan as seguintes:
• Limpeza, acondicionamento e embelecemento da Vía da Prata, con actuacións de mellora do propio Camiño, así como de reparación e/ou substitución de cartelería
• Dinamización no Camiño, a través dun proxecto de animación compartido cos colectivos infantil, xuvenil e da terceira idade dos Concellos de Boqueixón e Vedra, co que se desenvolverán investigacións de campo e descubertas interpretativas na Vía da Prata coa veciñanza e peregrinos/as.
• Promoción no Camiño, coa elaboración de materiais de difusión da Vía da Prata e execución de actividades divulgativas desta Ruta Xacobea.
O programa de actividades para estas xornadas completarase con diversas propostas de lecer. Entre elas atópanse unha visita a Santiago de Compostela, excursións a Costa da Morte e a Rías Baixas, ademais dun obradoiro de cociña internacional, actividades acuáticas como kayak no río Ulla, xogos tradicionais e percorrido por lugares de interese de ambos os dous municipios.