Friday 22 de November de 2024

Aprobadas as bases da convocatoria de máis de 2,3 millóns de euros en axudas para actuacións nas ARI


A Xunta de Goberno Local aprobou este luns as bases e a convocatoria de subvencións á rehabilitación no ámbito das catro áreas de rehabilitación integral (ARI) coas que conta a cidade: Casco Histórico, Vista Alegre, grupo de vivendas Compostela e Quiroga Palacios (Pontepedriña) e Vite. En total, son 2.310.000 euros que servirán para financiar 237 actuacións nestes ámbitos.

Tal como detallou o secretario da Xunta de Goberno, Sindo Guinarte, a convocatoria para a 16ª fase da Área de Rexeneración e Renovación Urbana do Casco Histórico ten unha dotación de 150.000 euros para financiar 25 actuacións. No caso do barrio de Vista Alegre e da súa fase 9ª, subvencionaranse 128 actuacións, cunha achega total de 1.280.000 euros. Cos 240.000 euros destinados ao grupo de vivendas Compostela e Cardeal Quiroga Palacios (Pontepedriña) financiaranse 20 actuacións. Finalmente, haberá 640.000 euros en axudas para 64 actuacións no barrio de Vite.

As actuacións obxecto de axuda son as de rehabilitación sobre edificios de uso residencial executadas en edificios residenciais colectivos, sobre elementos de instalacións comúns e, en edificios unifamiliares, sobre a envolvente, instalacións e de consolidación e reposición da súa estrutura tradicional de madeira.

O importe das axudas calcúlase ponderando os ingresos da unidade de convivencia e os límites establecidos para o conxunto de actuacións por edificio, podendo alcanzar ata un máximo 85% da cota de participación no custo das actuacións.

O prazo de solicitude será de dous meses contados a partir do día seguinte á publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

Patrocinios Apóstolo
En materia de Festas, a Xunta de Goberno aprobou catro convenios polos que outras tantas entidades privadas colaboran en diversas actividades das festas do Apóstolo. Trátase de El Corte Inglés, con 6.000 euros; Centro Comercial As Cancelas, con 4.500 euros; e Gadisa, con 7.260 euros. Ademais, Corporación Hijos de Rivera SL comprometeuse a colaborar nas festas da Ascensión e do Apóstolo dos anos 2019, 2020, 2021 e 2022, con achegas de 17.000, 18.000, 19.000 e 20.000 euros, respectivamente.

Seguindo con convenios, no eido de Acción Cultural, deuse conta do convenio de colaboración entre o Concello e a Fundación Eugenio Granell para o exercicio 2019, por importe de 130.000 euros, e tamén do asinado coa Cidade da Cultura para a promoción e celebración de actividades de fomento da cultura emprendedora.

Cesión de estadio
Finalmente, na sesión deste luns acordouse a cesión provisional do Estadio Municipal “Verónica Boquete” de San Lázaro e do campo de adestramento de San Lázaro II á SD Compostela para a tempada 2019-2020. O conxunto santiagués poderá así iniciar a súa actividade deportiva e de competición na 3ª División.