Sunday 24 de November de 2024

A velutina sobe ás copas das árbores


 

Semella que o verán vai asentándose pouco a pouco. Estalle costando, si, pero as altas temperaturas alternadas con nubes e algunha treboada confirman o arranque estival, anque sexa algo máis tardío e irregular do habitual. Esta situación notárona tamén as velutinas, que demoraron tamén máis do habitual a mundanza aos bicos das árbores para construíren os seus niños secundarios e definitivos. Da praga estase falando pouco ultimamente malia seguir entre nós e coa mesma presenza -ou quizais máis, hase saber- que en temporadas pasadas. Neste momento do ano o único que se pode facer para combatela é retirar os niños que se detecten e, no caso de termos abellas, protexer as colmeas dos seus ataques, posto que agora empezan a ser moito máis intensos. Desde o Concello insístese en ter precaución nas segas, cando se rocen silveiras ou cando se fagan traballos forestais. Tamén se recomenda chamar ao teléfono oficial 012 para que a Xunta envíe persoal especializado na eliminación de colonias.

Segundo a última táboa de datos publicada pola Xunta o pasado 26 de xuño, San Sadurniño está na faixa de entre 6 e 25 niños detectados ata esa data. A información non aclara moito, posto que se obtén unicamente a partir dos avisos que se comunican ao 012, non dunha inspección completa do territorio. Se a isto lle sumamos que a eclosión de grandes niños na copa das árbores se está producindo desde hai arredor de dúas semanas, seguramente non sexa aventurado dicir que hai moita máis velutina da que indican as estatísticas.

Quen lle prestan máis atención ao problema son os apicultores e apicultoras. Por iso tamén son elas e eles quen poden achegar unha impresión aproximada sobre como está evolucionando a praga. Manuel Ferreira -un dos responsables da Casa do Mel de Goente- explicaba esta mesma mañá que o tempo está a ser un factor determinante para o ciclo da velutina. “De momento parece que se mantén coma o ano pasado, pero non sabemos o alcance que vai ter durante o verán. Este ano empezaron a facer os niños secundarios máis tarde por culpa do mal tempo, pero xa están aparecendo e xa está habendo avisos”, comenta Ferreira.

O abelleiro sinala que nesta época do ano “o único que se pode facer” é retirar o maior número posible de niños. “É recomendable quitar todos os que se vexan”, pide Manuel Ferreira, indicando deseguido que a operación debe deixarse en mans profesionais por razóns de seguridade e de efectividade da eliminación. “Hai que facelo á xunta da noite, cando as avespas están todas no niño. Neste tempo non se poden destruír mediante incineración -por mor do perigo de incendio- e para o uso de pértegas con certos tipos de veleno, explosivos e bólas ou balíns con insecticida hai que ter permisos especiais”. Por todo isto a única opción que queda é tirar pola vía do 012 para que a Xunta mobilice o equipo correspondente para cada zona, como poden ser GES, bombeiros, persoal de TRAGSATEC ou brigadas municipais colaboradoras que conten co equipamento e a formación necesarios.

Polo momento non hai ningún atraente infalible coa velutina, nin tampouco se sabe cal é o método de combate máis efectivo. “Estanse facendo moitos estudos, pero por agora quedan só niso, en estudos”, lamenta Ferreira. Así, segundo parece, o único que parece dar resultado é facer un trampeo exhaustivo durante a primavera co obxectivo de capturar raíñas fundadoras. Logo, durante o verán, as avespas asiáticas vólvense máis activas rapinando abellas e outros insectos, de maneira que os trebellos con líquidos atraentes deixan de funcionar.

Cara a finais do verán e principios do outono -cadrando co tempo de froitas como as mazás, as uvas e os figos- as trampas colocadas nas hortas volven encherse de velutinas, pero sábese que esas capturas pouco ou nada lle fan ao vigor das colonias. Por esta razón, e aínda que non está de máis trampear, recoméndase colocar os dispositivos máis tarde, nos últimos momentos do outono ou a comezos do inverno, o momento en que as raíñas novas marchan dos niños para hibernar a ras de chan. O motivo de facelo así é igual que na primavera: por cada raíña que se pille, un niño menos do que preocuparse o ano que vén.

Protección das colmeas
A velutina é un problema ambiental de primeira orde e, ademais, tamén unha ameaza se non se toman precaucións contra dela. No chan ou en ribazos poden quedar aínda niños primarios, polo que hai que ter moito coidado cando se ande con rozadoras mecánicas ou segadoras. O mellor que se pode facer é inspeccionar ben a zona antes de acometer estes labores. O mesmo pasa cando se fagan cortas no monte, dado que nas árbores pode haber niños ocultos no medio das pólas e das follas.

Por outra banda, durante o verán a velutina ten como obxectivo prioritario as colmeas. Alí atopa alimento abundante e doado de coller, abóndalle con sobrevoar a piqueira agardando a saída ou chegada de abellas. Na apicultura levan probado de todo nos últimos anos: trampas rodeando o apiario, confinar as colmeas en casetas, facerlles garda ás avespas con raquetas ou trueiros… todo o imaxinable.

O único que parece funcionar son as arpas electrificadas. Trátase dun bastidor con varios fíos metálicos separados o xusto para que as abellas poidan pasar polo medio, mentres que as velutinas, ao ser máis grandes, sempre han acabar tocando neles co corpo ou coas alas. Os fíos van conectados a un sistema eléctrico con corrente directa ou alimentado por batería que chamusca literalmente as avespas que fan contacto cos arames. Hai modelos comerciais patentados e hai tamén unha chea de tutoriais en internet para facer as arpas na casa. Só fai falla algo de maña e materiais ben baratos.