Luz verde cos votos do PP á creación da Xunta de Goberno Local, representación en Órganos colexiados e ás 3 adicacións
A Corporación de Boqueixón celebrou onte o seu Pleno de Organización. Entre os puntos da orde do día aprobouse por unanimidade a configuración da Comisión de Contas, que está composta por:
• Presidente: O alcalde, Manuel Fernández Munín (suplente, José Manuel Canabal)
• Vogal 1: José Manuel Iglesias (suplente, Jesús Sanjuás)
• Vogal 2: Alejandro Bermúdez (suplente, Ana Mª Seijo)
• Vogal 3: Marta Copóns
• Vogal 4: Xabier Canabal (suplente, Iván Eirís)
• Vogal 5: Ángela Santasmarinas (suplente, Mª Carmen Soutullo)
No resto de puntos da orde do día, os catro edís da oposición votaron en contra. Así, saíron aprobados cos 7 votos dos concelleiros e concelleiras do PP a periodicidade das sesións plenarias, o nomeamento de representantes en órganos colexiados, a designación de dedicacións exclusivas, indemnizacións de integrantes da Corporación por asistencias a órganos colexiados e asignacións a grupos políticos, e a creación da Xunta de Goberno Local e delegación de competencias do Pleno.
Esta última estará composta polo alcalde, como presidente, e polos tres tenentes de alcalde: Ana Mª Seijo, José Manuel Canabal e Marta Copóns. A periodicidade con que se reunirá a Xunta de Goberno Local será cada 15 días.
Dende Veciñ@s de Boqueixón xustificaron os seus votos en contra por non axustárense as propostas da alcaldía ao “decálogo de mínimos”, tal e como indicou o voceiro, Xabier Canabal, presentado o pasado 1 de xullo por rexistro. Entre as medidas propostas atopábanse o incremento da periodicidade das sesións plenarias a unha mensual (reducindo a delegación de competencias na Xunta de Goberno Local, ou incluso contemplando a posibilidade de que desaparecese) ou a aprobación dunha única adicación exclusiva.
Con respecto a esta última cuestión, o voceiro do equipo de goberno boqueixanés, José Manuel Iglesias, argumentou a necesidade de contar con 3 adicacións co fin de ofrecer “unha atención máis personalizada á veciñanza” e para “axilizar e optimizar as xestións municipais”. Neste senso, Manuel Fernández Munín instou á oposición a agardar un tempo prudencial para “ver os resultados” da asignación das tres adicacións exclusivas (unha delas ao 75%) aprobadas no Pleno de onte.
Concellarías e áreas competentes
Por outra banda, o alcalde boqueixanés deu conta na sesión plenaria de onte do reparto de áreas de goberno. Así, serán sete as áreas que se distribuirán entre os integrantes do executivo local.
• Manuel Fernández Munín, Alcaldía. As áreas propias serían Secretaría municipal, asuntos protocolarios, relacións institucionais, relación coas comunidades residentes no exterior, promoción do Concello, persoal, xestión de obras públicas, ordenación urbanística, coordinación de investimentos en infraestrutura, vivenda e expropiacións.
• Ana María Seijo Mosquera, primeira tenente de alcalde e concelleira de Servizos Sociais e Igualdade. Esta concellaría encargarase de atención á terceira idade, persoas con diversidade funcional e colectivos en risco de exclusión, coordinación dos programas de dependencia e cobertura das necesidades sociais básicas, políticas de igualdade social, coordinación do CIM e políticas de igualdade de xénero.
• José Manuel Canabal Vázquez, segundo tenente de alcalde e concelleiro de Turismo e Desenvolvemento Local. Neste caso, as áreas correspóndense con programas formativos e de desenvolvemento local, promoción e dinamización turística e protección do patrimonio histórico e artístico.
• Marta Magina Copóns Neira, terceira tenente de alcalde e concelleira de Educación, Cultura, Deporte e Xuventude. Neste caso, a edil será a responsable de temas como promoción cultural, políticas de educación e deportes, xestión de axudas, xestión dos locais socioculturais e infraestruturas deportivas, programas e políticas de xuventude e voluntariado.
• Alejandro Bermúdez, concelleiro de Industria, Emprego e Desenvolvemento Económico. As áreas delegadas son parques empresariais, comercio, protección a consumidores, feiras, promoción económica, implantación das novas tecnoloxías e dinamización tecnolóxica, desenvolvemento rural, agricultura, gandería, montes e industrias derivadas destes sectores e concentracións parcelarias.
• José Manuel Iglesias Gómez, concelleiro de Economía e Facenda. Desenvolverá tarefas relacionadas con planificación económica, financeira e tributaria, seguimento da xestión tributaria e orzamentaria, elaboración de plans estratéxicos, patrimonio municipal, atención á cidadanía e coordinación de investimentos nas distintas áreas municipais.
• Jesús Sanjuás Mera, concelleiro de Servizos Xerais, Seguridade, Medio Ambiente, Vías e Obras. As áreas propias desta Concellaría serán o programa de recollida do lixo, mantemento e limpeza de contedores, composteiros e reciclaxe, servizo de limpeza viaria, beirarrúas e áreas recreativas, programa de mantemento de pistas forestais, programa de desbroces, programa de control e supervisión de consumos e subministros eléctricos, revisión de contadores, programa de limpeza e mantemento de edificios públicos (colexio, instituto, centros de saúde, rede de centros socio-culturais, pavillóns polideportivos, ximnasio), programa de fochas cero, xestión do punto limpo, transporte metropolitano, abastecemento e saneamento, protección civil, seguridade cidadá, parques e xardíns, protección ambiental e defensa contra incendios, vías e obras.