Tamén se conclúe o proceso de adxudicación de máis de 460.000 metros cadrados de solo en Morás, a maior adxudicación de solo realizada a unha única empresa nos parques empresariais da Xunta de Galicia dende os comezos da autonomía
A Xunta de Galicia, a través do Consello de Administración de Xestur, adxudicou hoxe as obras de electrificación do parque empresarial de Morás, licitadas no pasado mes de marzo. As obras foron adxudicadas á empresa UTE AOPIL S.L.-SEGADE SAELCO S.A., por importe de 870.673,33 euros máis IVE. A previsión da Consellería de Medio Ambiente é iniciar as obras a finais do verán.
Na reunión, celebrada esta mañá, tamén se declarou como proxecto empresarial singular o presentado pola empresa Hijos de Rivera e adxudicoulle un total de 466.137 metros cadrados de solo no parque empresarial de Morás. Con este trámite conclúese a adxudicación a maior adxudicación de solo realizada a unha única empresa nos parques empresariais da Xunta de Galicia dende os comezos da autonomía.
A declaración de proxecto empresarial singular e a adxudicación do solo foi realizada polo Consello de Administración da empresa pública Xestur Galicia despois de acadar -o pasado 27 xe xuño- a autorización por parte do Consello da Xunta.
Deste xeito, coa adxudicación de solo realizada a unha única empresa nos parques empresariais da Xunta de Galicia dende os comezos da autonomía, o parque de Morás convértese nun caso único xa que, cando aínda se atopan en execución as obras de urbanización xa está adxudicado un 68 por cento do solo total do mesmo. A adxudicación a Hijos de Rivera, xunto coa realizada a Alumán e ás empresas propietarias de fincas no ámbito do parque empresarial, están adxudicados 647.275 metros cadrados e quedan dispoñibles outros 302.000 metros cadrados.
Actualmente, estanse executando en Morás as obras de urbanización da primeira fase do parque empresarial, a explanación de seis plataformas e as conexións exteriores, cun investimento de preto de 6,7 millóns de euros.