Friday 22 de November de 2024

A Xunta subliña o interese das persoas maiores por aprender e ampliar coñecementos na clausura do curso da UNED Sénior


O Executivo autonómico garante a continuidade do apoio a estas actividades que favorecen a participación activa das galegas e galegos de máis idade

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, participou hoxe no acto do curso académico 2019-2019 da UNED Sénior, durante o que se entregaron os diplomas ás persoas maiores que completaron os seus estudos. Ildefonso de la Campa subliñou a importancia de que as galegas e galegos de máis idade teñan a oportunidade e o interese de seguir aprendendo dunha maneira activa e participativa.

O director xeral tamén valorou de maneira positiva o feito de que a través destes cursos as persoas maiores poidan compartir con xeracións máis novas as súas experiencias, ao tempo que acadan novos coñecementos. Neste sentido, garantiu a continuidade do apoio da Xunta á UNED Sénior, posto que fai posible que persoas que concluíron a súa vida laboral accedan a unha formación actualizada e axeitada aos seus intereses.

A programación da UNED Sénior inclúe actividades formativas, educativas e culturais que se dividen en tres grandes bloques temáticos: aprender a envellecer, cultura xeral e divulgación científica e temas de actualidade. Entre as materias que cursa o alumnado están cultura musical de Galicia, manexo do ordenador para comunicación e redes sociais, alimentación e saúde ou historia da arte e patrimonio.