A programación de actividades inclúe windsurf, vela e táboa, canoa, snorkel, paddle-surf, wakeboard e obradoiros sobre o medio mariño
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, compartiu parte da mañá de hoxe coas mozas e mozos que desfrutan do campamento que a Xunta de Galicia está a desenvolver no albergue xuvenil de Gandarío dentro da Campaña de Verán 2019. Esta proposta está centrada en actividades no mar, como windsurf, vela e táboa, canoa, wakeboad, snorkel, paddle surf ou aula mariña, entre outras.
Cristina Pichel destacou que o albergue de Gandarío é unha instalación de referencia dentro da Campaña de Verán, xa que entre os meses de xullo, agosto e setembro oferta 770 prazas nos diferentes programas e accións estivais que acolle. No campamento que visitou esta mañá participan 150 rapaces e rapazas de 14 e 15 anos de idade, que desde o pasado día 5 e ata o vindeiro domingo desfrutan de actividades ao aire libre e en contacto coa natureza, ao tempo que adquiren novas destrezas, coñecementos sobre o medio mariño e toman conciencia sobre a importancia de respectar o medio ambiente.
En total, a Campaña de Verán da Xunta chega a 9834 mozas e mozos, 62 máis que o ano anterior. A proposta de actividades para esta tempada estival inclúe campamentos, programas de intercambios con outras comunidades autónomas, actividades concertadas, actividades para maiores de 18 anos e campos de voluntariado.
Nestas actividades participan mozas e mozos a partir dos 9 anos e ata os 30. Todos os campamentos están abertos a persoas con discapacidade, e ademais este colectivo ten unha convocatoria específica para persoas de entre 11 e 40 anos. Así mesmo, hai 100 prazas reservadas para menores de idade que están baixo o sistema de protección da Xunta e outras 52 para fillas e fillos de mulleres vítimas de violencia de xénero.
Novos campamentos e campos de voluntariado
Esta campaña de verán incorpora tres novos campamentos dos 21 que ofrece: Aldea Perdida na Granxa Zoo de Grixalba, en Sobrado dos Monxes; outro sobre astronomía no albergue de San Xoán de Río, en Ourense; e un novo campamento tecnolóxico nas instalacións xuvenís de Gandarío titulado Adestrando o meu robot.
Este ano tamén se incrementa o número de campos de voluntariado, os que se coñecían como campos de traballo, ata os 30 e con cinco propostas novas: A terra que habita no mar, no concello do Grove; outro de protección e recuperación das dunas de Corrubedo, en Ribeira; un terceiro de temática ambiental en Manzaneda; un campo en Ourense denominado Riós, una mar de castiñeiros; e por último, o primeiro campo de voluntariado intermunicipal que leva por nome Vía Xacobea: vía da prata e que se celebrará en Boqueixón e Vedra.
Desta maneira, os campos de voluntariado en Galicia que pon en marcha a Xunta para este verán conteñen 643 prazas, 40 máis das que había á disposición da mocidade no 2018.