A primeira sesión terá lugar este venres 12 de xullo ás 22.30 horas na Carballeira de Rodiño
O Concello de Boqueixón inicia esta semana o programa Noite de cine, que conta coa financiación da Deputación provincial da Coruña. Unha iniciativa que se desenvolveu o pasado ano e que, tras a excelente acollida por parte da veciñanza, se amplía aos tres meses de verán e se levará a distintas parroquias. Todas as sesións, de carácter gratuíto, son ao aire libre, dispoñéndose cadeiras e unha pantalla xigante nas diferentes localizacións para facilitar o visionado.
A primeira sesión terá lugar este venres 12 de xullo ás 22.30 horas na Carballeira de Rodiño, en Sergude. Proxectarase o filme de animación O Mago Dubidoso, dirixida a un público familiar.
O programa Noite de cine continuará o venres 16 de agosto no Campo da festa de Camporrapado, na parroquia de Oural. Tamén ás 22.30 horas proxectarase o filme de animación Maimiño.
Concluirá este ciclo de cine ao aire libre o vindeiro venres 6 de setembro no Campo da festa da parroquia de Lestedo. Alí poderase ver o filme Coco, que se proxectará a partires das 22.30 horas.
Dende o Departamento de Educación e Cultura do Concello de Boqueixón animan a toda a veciñanza a participar nas distintas sesións do programa Noite de Cine. Todas as propostas están dirixidas ao público familiar para gozar dunha velada diferente coas crianzas.