Saturday 16 de November de 2024

Medio Ambiente conclúe o trámite ambiental que permitirá ampliar o polígono industrial no concello de Melide


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de resolver o Informe Ambiental Estratéxico da modificación puntual do planeamento actual en Melide que pretende delimitar un novo sector industrial na parroquia de Santa María de Melide

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de emitir o Informe Ambiental Estratéxico que permitirá seguir coa tramitación necesaria para habilitar novo solo industrial no Concello de Melide; polo que a administración local pode seguir avanzando na tramitación.

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental resolveu o informe ambiental da Modificación puntual das Normas Subsidiarias de planeamento para a delimitación dun sector de solo urbanizable de uso industrial no Concello de Melide.

Trátase dun ámbito de máis de 30 hectáreas, que se atopa ao sur do núcleo urbano de Melide, emprazado ao carón da estrada autonómica AC-840 (Betanzos- Agolada), na parroquia de Santa María e presenta unha topografía máis favorable

A comezos de 2019 a Administración local decidiu iniciar o procedemento para definir un novo solo industrial, xa que o actual parque empresarial da Madanela está preto de esgotar a súa capacidade. En base a esa solicitude, a Consellería de Medio Ambiente iniciou en marzo o período de consultas previas á formulación, facendo públicos os documentos e consultando a distintos departamentos das administracións públicas.

Tras concluír o período de consulta e analizadas as achegas de distintos departamentos, como a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio, a Axencia Galega de Infraestruturas, o Instituto de Estudos do Territorio, a Dirección Xeral de Mobilidade, Calidade Ambiental decide non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria dita modificación de planeamento e resolver o Informe Ambiental Estratéxico.

Non obstante, no informe recoméndase que, previa redacción do plan parcial, se realice un inventario de flora e fauna, se completarán as medidas de integración paisaxística para preservar as visuais desde o núcleo de Melide e tamén se analizará o impacto acústico dos usos industriais previsto e as áreas residencias colindantes.