A periodicidade das sesións plenarias mantense cada dous meses, a pesar da petición dos grupos da oposición de que fose mensual
O Concello de Lousame celebrou na noite de onte xoves a súa sesión plenaria organizativa na que se deu conta da conformación dos tres grupos políticos municipais: Partido Popular (con Teresa Villaverde de voceira e Ramón Martínez e Silvia Agrafojo como suplentes), PSOE (con Julio Paradela de voceiro e Beatriz González e Iván Bermúdez como suplentes) e Grupo Mixto-BNG (con Anxo Moledo como voceiro).
O único punto de debate na sesión foi a periodicidade das sesións, xa que tanto PSOE como BNG pedían que a periodicidade pasase a ser mensual. Porén, o grupo de Goberno mantivo a súa decisión de que as sesións ordinarias se celebren o último venres dos meses impares, sendo a primeira sesión desta lexislatura a do mes de setembro. Ante a petición do voceiro do BNG de que as sesións fosen mensuais “porque é a forma para que poidamos traer iniciativas os grupos políticos que non podemos levar ao plenos extraordinarios”, a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, lembrou que “aquí incluso se permitiron rogos e preguntas nos plenos extraordinarios pero quedou suspendido. Non foi pola miña vontade pero así vai seguir sendo”, indicándolle ao concelleiro nacionalista que “pode presentar escritos dirixidos á Alcaldía sempre que o considere oportuno e se lle dará resposta o máis axiña posible”.
Dedicacións
O pleno aprobou, os 7 votos a favor do PP e as 4 abstencións dos grupos da oposición, tres dedicacións para o grupo de Goberno: unha exclusiva de 40.000 euros brutos anuais para a alcaldesa Teresa Villaverde e dúas parciais, de 16.800 euros para o primeiro e a segunda tenentes de alcaldesa, Ramón Martínez e Silvia Agrafojo. Unhas retribucións que, no caso de Silvia Agrafojo, non comezará a percibir ata o vindeiro 1 de xaneiro de 2020.
En canto ás retribucións por asistencia a órganos colexiados serán: 100 euros por asistencias a Pleno e 90 euros por asistencias a Xuntas de Goberno Local, Comisións, Mesas de Contratación e Xunta de Concelleiros. Unhas cantidades aprobadas cos votos a favor do PP e as abstencións da oposición.
O outro punto de debate foi a asistencia a órganos colexiados, concretamente á Asemblea da Mancomunidade Serra do Barbanza xa que o BNG rexistrou unha emenda na que pedía que o posto fose asignado ao BNG e non ao grupo mixto, alegando que se concelleiros dos outros dous grupos se pasaban ao grupo mixto, podía perder esa representatividade. Dende Secretaría explicaron que o nomeamento do representante se debe facer nos próximos 5 días hábiles e que, de pasar o que dicía o voceiro do BNG, non poderían anular dito nomeamento, polo que entendeu que non era preciso incluír ese cambio xa que era pouco probable que nos próximos 5 días fosen abandonar os seus postos dous concelleiros doutros grupos.
Finalmente, a a alcaldesa de Lousame deu conta dos nomeamentos xa adiantados no BOP da pasada semana, como a composición da Xunta de Goberno Local cos tres tenentes de alcaldesa: Ramón Manuel Martínez Rial, Silvia Agrafojo Filgueira e José Antonio Ces Barreiro. A nova estrutura do Goberno queda organizada en 9 grandes áreas, das que Villaverde asumirá as competencias propias da Alcaldía, Urbanismo, Persoal, Economía e Facenda e Tramitación Administrativa. As outras 5 áreas de xestión serán asumidas polos tenentes de alcaldesa:
– Ramón Manuel Martínez Rial, concelleiro-delegado de Obras Públicas, Servizos Públicos, Alumeados e Telecomunicacións, Infraestruturas Viarias, Seguridade Viaria e Parque Móbil; e de Medio Ambiente, Medio Rural e Protección Civil.
– Silvia Agrafojo Filgueira, concelleira de Servizos Sociais, Igualdade, Xuventude e Educación, á que suma as competencias en materia de Cultura.
– José Antonio Ces Barreiro, concelleira de Parques e Xardíns, Turismo e Relacións veciñais.
Pola súa banda, Ramón Figueroa Pérez será concelleiro de Medio Rural, Yésica Fernández Míguez será concelleira de Sanidade e Protección Civil, e Jesús Martínez Castro será concelleiro de Deportes, dependente da Concellería que dirixe Silvia Agrafojo.