Friday 22 de November de 2024

Traballo blinda con 27 millóns de euros o orzamento de 2015 destinado ao emprendemento e ao cooperativismo


A directora xeral de Traballo e Economía Social, Carmen Bouso, participou hoxe en Pontevedra no VI Congreso do Traballador Autónomo

O orzamento da Consellería de Traballo e Benestar para 2015 inclúe un incremento do 6 por cento na área laboral con respecto a este ano, o que supón dedicar 8,2 millóns de euros máis a este eido. As partidas para o emprendemento, autónomos e cooperativismo, motores da dinamización económica e da xeración de emprego en Galicia, blíndanse con 27 millóns de euros. Así o anunciou hoxe a directora xeral de Traballo e Economía Social, Carmen Bouso, en Pontevedra, onde participou no VI Congreso do Traballador Autónomo.

Bouso destacou que o departamento autonómico seguirá a apoiar o labor dos emprendedores e autónomos e fixo fincapé na aposta do Goberno galego pola mocidade neste eido. Así indicou que a Xunta implantou este ano o programa de promoción do emprego autónomo de mozos e mozas desempregados menores de 30 anos. Estas axudas inclúen unha subvención de entre 5.000 e 10.000 euros polo establecemento como persoa traballadora autónoma; unha axuda financeira para a redución de intereses dos préstamos necesarios para a constitución como persoa traballadora autónoma; e a concesión para calquera persoa menor de 30 anos que solicite o alta no réxime especial de autónomos da Seguridade Social unha subvención de 1.200 euros.

Este programa forma parte do Plan de Emprego Xuvenil 2014-2015 que o Goberno galego puxo en marcha este ano. Contén un total de 19 medidas, todas elas en execución, que se articulan en tres eixos fundamentais: formación, contratación e emprendemento. Entre outras medidas destacan a formación de mozos e mozas sen cualificación; incentivos á contratación; fomento da formación dual; prácticas de mozos e mozas cualificados en empresas; ou bolsas de traballo de xestores en internacionalización.

En definitiva, Bouso resaltou que o Goberno galego seguirá a impulsar o traballo autónomo “facendo atractiva esta vía de incorporación ou reincorporación ao mercado laboral para a mocidade”, concluíu.