Friday 22 de November de 2024

Feijóo anuncia axudas de máis de 1 millóns de euros para renovar 2.000 vehículos con 10 anos de antigüidade por modelos máis eficientes, menos contaminantes e maís respectuosos


Resalta que os galegos contan xa con máis de 100 quilómetros de sendas construídos e confirma que antes de que remate 2020 acadaranse os 170 novos quilómetros de sendas sostibles, seguras e integradas na paisaxe
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe unha achega de 1,1 millóns de euros para, neste 2019, renovar 2.000 vehículos con 10 anos de antigüidade como mínimo por novos modelos máis eficientes, menos contaminantes e máis respectuosos. Deste xeito, concretou un novo avance na senda da mobilidade sostible que se ten marcado o Goberno galego, xa que este novo programa de axudas á mobilidade eficiente favorecerá a renovación do parque de vehículos de particulares, autónomos e empresas. A previsión é que nos vindeiros meses, estas axudas mobilicen 40 millóns de euros e cren ademais máis de 300 postos de traballo directos.

Convencido de que esforzarse por estender unha mobilidade máis vertebradora, máis social, máis segura e máis limpa é un camiño que paga a pena percorrer, Feijóo referiuse á senda que conecta Montrove con As Pedreiras e O Carballo como un exemplo máis desa aposta. “Estamos a falar dun itinerario peonil integrado na paisaxe, con algo máis de un quilómetro de lonxitude, e cuxo obxectivo é que os veciños destas zonas residenciais se poidan desprazar de forma segura e saudable ata os lugares aos que teñan que ir sen necesidade de coller o coche”, dixo, recordando que esta iniciativa supuxo un investimento de case 800.000 € e forma parte do Plan de sendas de Galicia que se está a desenvolver nun total de 11 comarcas.

Nesta liña, resaltou que os galegos contan xa con máis de 100 quilómetros de sendas construídos e confirmou que antes de que remate 2020 acadaranse os 170 novos quilómetros de sendas sostibles, seguras e integradas na paisaxe para facilitar o exercicio dunha mobilidade máis limpa.

Así mesmo, recordou que parte desas novas sendas que se porán en servizo estarán na comarca da Coruña, onde nas vindeiras semanas concluirase coa complexa instalación dunha gran pasarela para mellorar o tránsito e a seguridade dos traballadores no polígono da Grela, ademais das actuacións que se están a impulsar para os veciños de Oleiros e que conectarán Mandín e As Torres, e na zona de Fontán, en Sada.

Por outra banda, confirmou que no vindeiro mes de agosto comezarase a execución do novo treito da Vía Ártabra para ofrecerlles aos veciños da comarca unha alternativa para acceder á cidade da Coruña moito máis rápida e segura que a colapsada N-VI. “Farémolo a través dun investimento público de 35 millóns de euros”, dixo.

En relación ao Plan de Transporte Metropolitano, o titular da Xunta valorou o seu bo funcionamento na comarca da Coruña, onde os autobuses interurbanos chegan ao centro da cidade e están a permitir que baixe o número de coches que entran nela; e, onde tamén se facilita que os buses urbanos da cidade herculina cheguen ata Oleiros e reduzan o número de vehículos que van ás praias. Ademais de abaratar en ata o 40% as viaxes, ofrecer transbordos gratuítos e beneficiar ás familias numerosas e, especialmente, aos mozos menores de 19 anos, que viaxan gratis coa tarxeta Xente Nova.

Feijóo concluíu afirmando que o compromiso cunha mobilidade vertebradora e social fai que Galicia conte con 220 novos quilómetros de vías de altas prestacións libres de peaxe. E, no eido da seguridade, recordou o importante esforzo que se está a facer en varias frontes: mellorando o estado de conservación das estradas, cun investimento cada ano de máis de 20 millóns na renovación dos pavimentos; asumindo e cumprindo o compromiso de eliminar todos os treitos de concentración de accidentes das vías da Xunta antes de que remate 2020; e poñendo especialmente o acento na protección dos usuarios máis vulnerables das estradas, como son os motoristas, os ciclistas e os peóns.