Así se acordou na Comisión de coordinación entre ambas administracións, unha xuntanza que foi presidida pola conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato
A Xunta e a Inspección de Traballo, dependente do Estado, reforzarán os seus controis de cara ao próximo ano co fin de seguir avanzando “na protección dos cidadáns e daqueles que cumpren coa legalidade”. Para conseguilo, veñen de programar máis de 37.000 actuacións de cara ao próximo ano, un 0,5% máis que en 2014.
Así se acordou na reunión da Comisión de coordinación entre ambas administracións, un encontro que foi presidido pola conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e que ten como obxectivo reforzar a coordinación e colaboración nas medidas a implementar nos próximos meses.
Segundo explicou Mato, o obxectivo que inspira todas e cada unha das medidas é a “protección” de traballadores e empresarios, xa que considerou que esta é “unha materia moi sensible que afecta ao benestar dos cidadáns”.
En concreto, en 2015 están previstas 37.547 ordes de servizo, que se articularán ao redor de catro áreas: a prevención de riscos laborais, o emprego e as relacións laborais, a seguridade social, e a economía irregular.
No primeiro dos eixos, destinado a garantir a seguridade e saúde no traballo, están programadas 4.600 ordes de servizo, o 18 por cento do total. Prestarase especial atención aos sectores de alto risco, como a construción ou a pesca.
A segunda das áreas céntrase no emprego e as relacións laborais. Actualmente, está en marcha un Plan para o control da correcta utilización dos contratos formativos e das prácticas non laborais en empresas, así como tamén se persegue a fraude na contratación. Para cumprir este obxectivo, fixáronse máis de 1.000 ordes de servizo, un 4,6% máis que este ano, e que supoñen un 16% do total das actuacións. Cabe destacar que estes dous primeiros eixos correspóndense coa competencia autonómica.
A terceira liña de actuación porá o seu acento na ausencia indebida de altas na Seguridade Social, un aspecto “prioritario” xa que leva aparellada “unha inxusta e inaceptable” desprotección laboral dos traballadores, destacou Mato. Están previstas máis de 7.500 ordes de servizo, un 16% máis que en 2014. Representan o 20% das preto de 38.000 actuacións programadas.
Xa por último atópase o eixo que concentra un maior número de ordes (o 42,3%), que é o referido á loita contra a economía irregular. En concreto, inclúe máis de 13.000 actuacións, un 2,5% máis que en 2014. Neste apartado, farase fincapé no control dos contratos a tempo parcial, para evitar “contratos fraudulentos por horas a traballadores que realizan xornadas completas”.
Ademais, e como nos anos anteriores, velarase por un “estrito control e cumprimento” das condicións recollidas nos Expedientes de Regulación de Emprego, especialmente naqueles de suspensión ou redución de xornada.
Grupo de traballo
Mato recordou que Galicia conta cun Plan contra o traballo non declarado, que foi deseñado “de forma complementaria e coherente” co Plan nacional contra o emprego irregular e a fraude na seguridade social.
No marco deste programa, este mesmo ano deuse un “importante paso” firmando co Ministerio de Emprego e Seguridade Social un convenio co obxectivo de reforzar a coordinación.
Ao longo de 2015, está previsto desenvolver o contido deste convenio a través da creación dun grupo de traballo especializado na loita contra o traballo no declarado, entre outras medidas.