Saturday 16 de November de 2024

Comezan as obras de rehabilitación integral do CEIP Felipe de Castro, valoradas en 670.000 euros e que estarán rematadas en agosto


 

Freire destaca que “imos substituír a cuberta para garantir a súa estanqueidade e aillamento, ao tempo que cambiaremos a carpintería exterior, as fiestras e todo o alumeado por outros elementos que melloren a eficiencia enerxética da instalación”

O alcalde de Noia, Santiago Freire, e a concelleira de Ensino, Mariola López, visitaron as instalacións do CEIP Felipe de Castro, onde veñen de iniciarse as obras de rehabilitación integral, enerxética e funcional do inmoble. “Estamos falando dunhas obras que supoñen un investimento de 670.000 euros e que suporán unha remodelación completa do edificio, onde imos substituír a cuberta para garantir o seu illamento térmico e estanqueidade, ao tempo que cambiaremos toda a carpintería exterior por outra máis de maior eficiencia enerxética e onde substituiremos todas as fiestras por outras dun cristal especial que mellorará o illamento tanto térmico como acústico das instalacións”, explica Freire Abeijón.

Así mesmo, os traballos incluirán a substitución de todo o alumeado existente, onde os antigos fluorescentes serán substituídos por tecnoloxía LED. “O que buscamos é aumentar o nivel de confort do alumnado do CEIP Felipe de Castro ao tempo que reducimos o consumo enerxético grazas ao emprego de materiais máis eficientes”, apunta o alcalde noiés.

Unhas obras financiadas grazas a unha achega da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, cuxa titular, Carmen Pomar, visitou o centro noiés o pasado mes de outubro de 208. Unha colaboración que agradece o alcalde noiés, quen apunta que “as obras van a moi bo ritmo, polo que todo estará rematado en agosto, a tempo para o inicio do vindeiro curso”.

Así mesmo, Santiago Freire explica que “en próximos meses acometerase tamén a construción dunha pasarela entre o colexio e o polideportivo, para así favorecer a accesibilidade de todo tipo de persoas á nova instalación deportiva construída na pasada lexislatura”. Ademais, lembrou que hai unhas semanas o Concello de Noia vén de investir 48.390 euros na “pavimentación dunha explanada a carón do polideportivo para o estacionamento de vehículos”.