Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño organiza unha xornada sobre a xestión conxunta de masas forestais


 

Durante o ano 2017 o Concello organizou unha serie de charlas polas parroquias para tentar concienciar da importancia que ten o monte e da necesidade imperiosa dunha xestión sustentable e racional. O obxectivo daqueles encontros era buscar maneiras de facer que os montes produzan máis -incluso con outros aproveitamentos, non só o da madeira-, que dean máis cartos e que estean mellor protexidos do lume. As áreas municipais de Desenvolvemento local e Medio Ambiente queren continuar con aquel traballo, e por iso organizan unha nova xornada que estará centrada na explicación dos diferentes modelos e figuras de xestión das masas forestais, así como nas oportunidades e as axudas da Administración para que as persoas propietarias se agrupen e xestionen conxuntamente os seus montes. A charla, que é aberta ao público sen inscrición previa, terá lugar na Casa da Xuventude o venres 19 de xullo a partir das 19.00h.

O forestal é un sector clave na economía de San Sadurniño, e por extensión de toda Galicia. Xera emprego, rendas e beneficios sociais. Pero tamén ten unha serie de problemáticas que limitan moito o seu desenvolvemento.

O Concello, co seu programa de apoio, quere que esta situación mude, de forma que o forestal sexa un sector con máis peso. É dicir, un sector que aproveite correctamente as súas potencialidades, que cree aínda máis riqueza e máis emprego, e que xestione os nosos montes dunha maneira sustentable e con perspectiva de futuro.

Se recorremos ás cifras vemos que o 65,7% do territorio de San Sadurniño está formado por parcelas de monte. Ademais, contamos cunhas condicións climáticas e unhas características do solo que favorecen un bo crecemento das árbores, ademais de favorecer a multifuncionalidade do monte a través do aproveitamento doutros produtos complementarios (froitos, cogomelos, mel, gando, plantas medicinais, etc).

Pero, por outra banda, as 6.507 hectáreas da superficie forestal do municipio corresponden a numerosas propiedades particulares, o que fai que nos atopemos con que a superficie media das parcelas sexa ben reducida e estea en torno ás 0,5 ha (9,82 ferrados).

Así, o minifundismo e a excesiva fragmentación da superficie forestal fan que o aproveitamento do monte non sexa rendible, sustentable nin viable dabondo para a meirande parte das persoas propietarias forestais, xa que o tamaño das súas parcelasimpídelles aproveitar de forma adecuada a produtividade e mailas posibilidades que ofrece o monte.

Porén, existen alternativas que poden mudar esta situación, como pode ser a xestión conxunta do monte, de cara a producir máis e mellor madeira e produtos complementarios, á vez que se reducen os custos e, polo tanto, se mellora a rendibilidade.

Así, desde o Concello de San Sadurniño quéreselle dar impulso a un sector forestal que optimice os recursos dispoñibles, pero tamén que sexa capaz de manter o equilibrio entre rendemento e sostenibilidade. Hai que ter en conta, ademais, que nos dous últimos anos mudou considerablemente a normativa forestal e que a Xunta, como Administración competente, incrementou os controis sobre o seu cumprimento.

Razóns de máis todas elas para pensar en que a ordenación dos montes é unha cuestión prioritaria que nos atinxe a todas e todos. De feito, de cara aos vindeiros anos a meirande parte das explotacións forestais van ter que contar con plans de corta ou con outros instrumentos de ordenación e xestión, se queren cortar e vender madeira.

Nesta situación, o Concello quere continuar o traballo comezado en 2017 e pretende apoiar unha mellora na xestión da masa forestal do municipio, especialmente no ámbito da xestión conxunta e profesional de masas forestais. Un dos primeiros pasos é precisamente a charla que terá lugar na Casa da Xuventude o venres 19 de xullo a partir das 19.00h. Nela contaremos cunha persoa experta que nos explicará as maneiras que hai de xuntarse para optimizar o monte, as axudas coas que podemos contar e, sobre todo, que beneficios ten a unión con outras propietarias e propietarios. Algunhas delas son as seguintes.

Que vantaxes ten a xestión conxunta dos montes?:

Regularización e localización de parcelas que na actualidade non se saben situar
Posta en valor do monte mediante a creación de unidades produtivas de maior tamaño, a través dunha xestión común e profesionalizada
Xestión sustentable para pequenos propietarios e propietarias, aproveitando a multifuncionalidade do monte, que ademais de madeira dá moitas outras cousas: froitos, cogomelos, resinas, biomasa, é complementario da gandeiría, etc.
Redución de custos e, polo tanto, maior rendibilidade obtendo rendas periódicas
Acceso a posibles axudas económicas
Diminución do risco de incendio e cumprimento da actual lexislación en materia de prevención de incendios forestais
Creación de postos de traballo entre a veciñanza, axudando a loitar contra o despoboamento das zonas rurais