Un total de 16 mozas e mozos de entre 18 e 30 anos veñen de finalizar as sesións teóricas do Curso de Monitor de Tempo Libre. A iniciativa, organizada polos Concellos de Boqueixón e Vedra, deu comezo o pasado mes de abril.
Tras completaren as 200 horas de formación presencial –impartidas nas instalacións do Centro de Interpretación do Pico Sacro- a mocidade participante procederá a complementar as sesións teóricas con 150 horas de prácticas en diversas entidades. Estas realizaranse durante estes meses de verán.
Este curso ten como obxectivo facilitar a incorporación da mocidade ao mercado laboral cunha formación específica. Co título de Monitor de Tempo Libre poderán participar no desenvolvemento de diversas accións de conciliación organizadas por diferente tipo de entidades.