O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se inicia este trámite, por un período de 20 días, a petición de particulares
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se inicia a información pública da solicitude para ampliar o Catálogo galego de árbores senlleiras coa incorporación de dous exemplares de carballo, un teixo e dúas formacións arbóreas. Un dos exemplares de carballo (Quercus robur L.) está localizado no lugar de Camos, no Concello de Nigrán, mentres que o outro está ubicado no lugar de Carreira (Limiñón), Abegondo. O exemplar de teixo (Taxus baccata L.) está en en Viladonelle, no Concello de Neda e en canto ás dúas formacións arbóreas, unha é a carballeira do Monte da Guía en Vigo e outra é unha formación arbórea multiespecífica, localizada en Meaño.
Deste xeito, ábrese a partir de mañá un período de 20 días hábiles durante o cal os interesados poderán presentar a documentación, observacións ou alegacións que estimen oportunas con relación á catalogación destes elementos no Catálogo galego de árbores senlleiras.
O obxectivo de promover a inclusión dun exemplar ou formación arbórea dentro do Catálogo galego de árbores senlleiras é garantir a súa protección e conservación, ao entender que pola súa propia singularidade, merecen ser preservados e inventariados.
A información dos expedientes estará dispoñible para a súa consulta nas dependencias da Dirección Xeral de Patrimonio Natural en San Lázaro (Santiago de Compostela) e nas Xefaturas Territoriais de Medio Ambiente na Coruña e Pontevedra, e tamén poderá examinarse de forma dixital a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
O carballo de Camos
Trátase dun exemplar de carballo (Quercus robur L.), plantado na proximidade dunha vivenda de propiedade privada no lugar de Camos, en Nigrán. A árbore, cunha copa de 360 m2 de proxección, é equilibrada e proporcionada, e o exemplar presenta un bo estado de conservación. O exemplar presenta como dimensións principais: 16,5 m de altura total, e 4,0 m de perímetro normal.
Exemplar en Abegondo
O segundo exemplar de carballo está situado no lugar de Carreira (Limiñón), no Concello de Abegondo e presenta como dimensións principais: 24,0 m de altura total, e 3,5 m de perímetro normal.
Un teixo en Neda
A terceira das árbores que se pretende incluír no Catálogo de Árbores Senlleiras é un exemplar de teixo (Taxus baccata L.), plantado no adro da Igrexa de San Andrés de Viladonelle e vencellado ao cemiterio parroquial deste lugar, onde probablemente foi plantado polo seu valor simbólico. O exemplar presenta como dimensións principais: 9 m de altura total, e unha idade estimada de 200 anos.
A carballeira do monte da Guía
De acordo coa solicitude de catalogación, esta carballeira está composta por 130 carballos, na súa maior parte centenarios, e constitúe a única carballeira urbana da cidade de Vigo. A solicitude baséase tanto nas características estruturais dos exemplares como na importancia histórica da carballeira. Os maiores exemplares da formación presentan como dimensións principais: 24,6 m de altura total, e 3,15 m de perímetro normal.
Formación multiespecífica de Meaño
Con exemplares de máis de 60 especies de árbores, o CEIP plurilingüe de Meaño-As Covas, no Concello de Meaño realizou un proxecto de plantación de árbores que tentaba amosar a variedade de especies autóctonas e alóctonas, co obxecto de transmitir no seu proxecto educativo a importancia e a necesidade da proximidade co mundo natural
O Catálogo galego de árbores senlleiras
O Catálogo galego de árbores senlleiras é un rexistro público de carácter administrativo dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, no cal se inclúen todas aquelas árbores e formacións merecentes de protección en atención ás características excepcionais que as fagan merecentes dunha protección especial.
Trátase dunha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións públicas, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza. De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, este catálogo foi obxecto xa de diversas revisións.