Entre os días 15 e 18 de decembro, Turismo de Galicia, participará nunha misión comercial no oeste do país americano
A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, participara entre os días 15 e 18 de decembro nunha misión comercial para a promoción dos produtos e servizos turísticos galegos nos Estados Unidos de Norteamérica en colaboración co operador Exclusively Spain e Turespaña.
Nesta misión comercial, Turismo de Galicia participará en tres presentacións da oferta turística galega a axentes de viaxes locais. Deste xeito, o programa de promoción en Norteamérica comezará o día 15 en Salt Lake City (Utah), cunha presentación no Hotel Grand America.
O día 17 está prevista unha presentación en Costa Mesa (California), no Hotel Wyndham, e o día 18 desenvolverase unha xuntaza cos axente turísticos da cidade de Phoenix (Arizona), no Hotel Palomar Phoenix.
Consolidación dun mercado estratéxico
O obxectivo desta campaña de presentacións nos Estados Unidos de América é continuar co lanzamento e promoción do destino Galicia que a Xunta, a través de Turismo de Galicia e en colaboración con Exclusively Spain, vén desenvolvendo nos dous últimos anos e que xa levou ao turismo de Galicia a se promover nos estados de Oregón e Colorado, ademais de California.
Esta continuidade nas accións de promoción permite que o destino Galicia cale na mente do consumidor norteamericano e á súa vez chegar deste xeito a un maior número de clientes potenciais.
Así, ao longo dos dez primeiros meses do ano 2014, xa visitaron Galicia máis de 72.000 viaxeiros procedentes dos Estados Unidos de Norteamérica, o que supón un 29,2% máis que no mesmo período de 2013.
Polo que respecta ás pernoitas, entre xaneiro e outubro de 2014, producíronse 108.880, o que supón un 25,1% máis que nos dez primeiros meses de 2013.
Máximos históricos no turismo internacional
Nos dez primeiros meses do ano o turismo internacional presentou un incremento do 11% no volume de pernoitas e dun 16% na cifra de viaxeiros estranxeiros aloxados en relación ao mesmo período do 2013. Esta mellora supón que o mercado internacional acadou ata outubro máximos históricos tanto de volumes –superando por vez primeira a cifra do millón de viaxeiros e acadando case 1,7 millóns de pernoitas- como de peso no conxunto da demanda –representando o 27,5% dos viaxeiros e o 21,9% das pernoitas totais-.
Así mesmo, segundo os datos de EGATUR, o gasto total do turismo internacional no acumulado do ano ata o mes de outubro, o gasto total do turismo internacional foi de preto de 800 millóns de euros, o que supuxo un incremento do 20% en relación ao mesmo período do pasado ano.