Friday 22 de November de 2024

FEIJÓO DESTACA O COMPROMISO CUNHA ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA MODERNA, DOTADA CON MEDIOS TECNOLÓXICOS E INFRAESTRUTURAS QUE OFREZAN O MELLOR SERVIZO AOS CIDADÁNS


Lembra que o Plan Senda permitiu que o pasado ano se realizasen máis de 6 millóns de comunicacións telemáticas ou que, a través do visor do expediente xudicial electrónico, o persoal poida acceder a el desde calquera dispositivo

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o compromiso da Xunta cunha Administración de Xustiza moderna, dotada con medios tecnolóxicos e infraestruturas que ofrezan o mellor servizo aos cidadáns.

Durante o acto de apertura da XXII edición da Escola de Verán do Poder Xudicial, Feijóo lembrou que, con este obxectivo, a Xunta puxo en marcha o Plan Senda que, con 50 millóns de euros de investimentos en dúas fases contribuíu decisivamente a dotar dos medios necesarios á Xustiza permitindo, por exemplo, que o pasado ano se realizasen máis de 6 millóns de comunicacións telemáticas ou que, a través do visor do expediente xudicial electrónico, o persoal xudicial poida acceder a el desde calquera dispositivo.

Así mesmo, resaltou que a firma dixital, habilitada en máis da metade dos órganos, permite firmar sentenzas e resolucións en liña, coa mesma validez que en papel; desde finais de 2017 todos os partidos xudiciais de Galicia contan coa rede de videoconferencias; o pasado ano 2018 instaláronse 10 salas de vistas dixitais, coa previsión de instalar neste ano 30 salas; e o 90% das salas de vistas galegas contan con sistema de gravación de vista e firma dixital, que permite incorporar as gravacións dos xuízos ao expediente xudicial electrónico.

“E a todo isto é preciso seguir sumando a renovación dos equipos do posto de traballo, así como a dotación dunha nova aula de capacitación dixital”, engadiu, constatando que Galicia camiña cara ao expediente xudicial electrónico, unha meta que, desde logo, non é sinxela pero na que se segue avanzando coa implicación da administración de xustiza, que demostra cada día o seu compromiso con ofrecer o mellor servizo aos cidadáns, aseverou, precisando que este compromiso exemplifícase no Tribunal Superior de Xustiza e no Consello Xeral do Poder Xudicial, cos que se mantén numerosas colaboracións neste ámbito, ademais dun diálogo permanente.

Ademais dos medios tecnolóxicos, o titular do Executivo autonómico referiuse tamén á mellora das infraestruturas xudiciais, cun plan dotado con máis de 100 millóns de euros para, entre outras cousas: rehabilitar a Fábrica de Tabacos, na actualidade sede da Audiencia Provincial, contar cun novo edificio xudicial en Ourense, ter en plena execución a rehabilitación da torre do Hospital Xeral de Vigo para concentrar nela todas as dotacións xudiciais da cidade olívica, “e espero que este mes de xullo poidamos entregar o novo edificio de A Parda en Pontevedra”. A estas catro grandes obras, recordou, únense aos axustes en infraestruturas xudiciais que se fixeron en Ferrol, en Santiago “e os que estamos facendo en Tui”.

Feijóo concluíu destacando tamén a importancia da formación e o papel que neste eido desempeña a Escola de Verán do Poder Xudicial. Non en van, durante algo máis de dúas décadas pasaron polo Pazo de Mariñán máis de 2.300 xuíces e maxistrados.