Friday 22 de November de 2024

Aberto o prazo de presentación de solicitudes para formar parte da Rede Cultural 2015


O ano pasado presentáronse máis de 1.800 formacións

O Boletín Oficial da Provincia do día 5 de decembro publicou a apertura da convocatoria de presentación de grupos e intérpretes, tanto profesionais como non profesionais, que estean interesados en participar na programación Rede Cultural 2015 da Deputación da Coruña.

O prazo para a presentación de solicitudes para formar parte nesta rede abriuse hoxe e pechará o día 13 de xaneiro.

Os interesados en formar parte desta convocatoria deberán facer chegar a súa solicitude de forma telemática (requisito obrigado por primeira vez este ano) con toda a documentación requirida nas bases publicadas no BOP. Deberán realizar toda a tramitación a través da páxina web www.dicoruna.es

Con toda a información recibida, a institución provincial elaborará un catálogo que estará a disposición dos concellos e entidades privadas que programen actos culturais durante este ano (cos teléfonos de contacto dos grupos e as súas tarifas). A Deputación da Coruña, posteriormente, cofinanciará parte destas programacións nos baremos establecidos na convocatoria.

O ano pasado formaron parte deste catálogo da Rede cultural máis de 1.800 formacións (desde músicos ata compañías de teatro ou danza). A finalidade da elaboración deste catálogo é contribuír á difusión e á promoción de actividades culturais ligadas á música, o teatro, o folclore ou a danza.

A Rede Cultural da institución provincial é unha importante ferramenta para achegar e facilitar este tipo de actividades a todos os concellos, e dende hai anos supón a base dunha das programacións máis ampla e diversa das ofertadas desde as administracións públicas galegas.

Ademais, para a participación en diferentes programas culturais, a Deputación esixe ás agrupacións estar inscrita nesta Rede Cultural.

Categoría profesional e non profesional
A convocatoria publicada está aberta para dúas categorías: profesional e non profesional.

A primeira abarca o XXVII Programa de teatro e títeres para compañías profesionais; o XXVIII Ciclo de música para intérpretes profesionais; e o IX programa para compañías de danza profesionais e outras actividades. A estes tres programas poden optar intérpretes de diferentes estilos musicais (desde a música clásica ata o estilo tecno), compañías de teatro, títeres, maxia ou monólogos, e tamén agrupacións profesionais de danza clásica, contemporánea e folclórica.

Por outra banda, na categoría non profesional deste ano desenvolverase o XXXII Programa de música e teatro para grupos non profesionais, ao que poden optar bandas de música ou gaitas, corais, orquestras e intérpretes solistas, así como persoas que desenvolvan espectáculos de danza ou artes escénicas.

Unha vez realizado o catálogo, os concellos poderán solicitar actuacións dos grupos incluídos en tódalas categorías, mentres que as entidades sen ánimo de lucro só poderán contratar non profesionais.

A Deputación da Coruña asumirá o 70% do gasto xerado pola contratación destes grupos no caso dos concellos de menos de 5.000 habitantes.

Para os de entre 5.001 e 15.000 habitantes, a porcentaxe chegará ao 50%, mentres que nos concellos de máis de 15.000 habitantes a Deputación asumirá ata o 40% do orzamento total.

No caso das entidades sen ánimo de lucro, estas deberán facer fronte á metade do gasto da contratación, xa que o resto asúmeo a Deputación.