Friday 22 de November de 2024

Preto dun cento de nenas e nenos participan nos campamentos de verán que se ofertan en San Sadurniño


 

Esta mañá comezou no ximnasio do CPI de San Sadurniño a Aldea de Verán, o programa socioeducativo ofrecido polo Concello no que ao longo deste mes de xullo participarán 40 nenas e nenos. O arranque do campamento coincide coa apertura do período para solicitar praza na quenda de agosto, para a que aínda quedan arredor dunha trintena de vacantes. A Aldea de Verán proponlles aos nenos e nenas unha chea de actividades que na presente edición terán como fío condutor o mundo dos contos. Porén, esta non será a única opción de lecer que terá a rapazada para as mañás do verán. Tamén hoxe comezou o campus de volei do Aldebarán con 34 inscricións e o mércores -mañá é festivo local- fará o propio o curso de informática para xente miúda da Aula CEMIT, onde hai 20 inscricións e alomenos sete máis en lista de agarda.

A Aldea de Verán empezou, como é habitual o primeiro día, facendo xogos grupais de cara a que a cativería se vaia coñecendo. “A idea de hoxe é que se aclimaten, que coñezan os espazos e tamén ás nenas e nenos novos, xa que algúns son veteráns doutros anos e outros empezan hoxe por primeira vez”, explica Raquel Veiga, coordinadora do campamento.

Por grupos de idade, as nenas e nenos coñeceron tamén as monitoras e monitores e as normas de convivencia dentro da Aldea de Verán. Cousas sinxelas pero que hai que cumprir: saber compartir, respectar ás compañeiras e compañeiros, respectar as regras dos xogos, escoitar… Valores en definitiva que son de aplicación tanto na aldea como en calquera outro ámbito e que durante as próximas semanas se van traballar botando man dos contos. “O fío condutor van ser os contos e historias. Imos pasar o verán con distintas temáticas e cremos que os contos son unha ferramenta moi educativa para traballar diferentes valores como a tolerancia, a diversidade, o respecto, a interculturalidade, a natureza…”

O espazo de referencia da Aldea de Verán será o ximnasio do CPI de San Sadurniño, pero tamén está previsto acudir un día por semana á piscina e outro á Casa da Cultura, ademais de programar actividades noutros espazos dos arredores do centro urbano, como os xardíns municipais ou o paseo fluvial. “Sairemos fóra todo o que poidamos”, comenta Veiga.

A Aldea de Verán consta de dúas quendas, unha durante o mes de xullo e outra en agosto. Para a que comezou hoxe o Concello recibiu 41 solicitudes de inscrición, nas que se inclúe tamén 15 peticións para os dous meses. Deste xeito, de cara ao que queda de xullo aínda quedarían arredor de cinco vacantes e para agosto habería dispoñibles arredor de 30.

Os pais e nais que desexen inscribir a rapazada para agosto teñen aberto o prazo entre o 1 e o 12 de xullo. De novo terán prioridade as solicitudes de familias empadroadas no concello e, de quedar vacantes, estas cubriranse con familias nas que algún dos seus membros teña vinculación laboral con San Sadurniño. En último caso -seguindo a orde de prioridade no acceso- daríaselle entrada a pequenos e pequenas doutros municipios, con preferencia para quen estea estudando no CPI de San Sadurniño ou rapazada matriculada na EIM A Rolada.

Hai tres documentos nos que se achega toda a información: a ficha de solicitude e información sobre a adxudicación de prazas , unha folla de autorización e a ficha co cuestionario médico.

Comezo do campus do Aldebarán
Por outra banda, esta semana tamén arrancou o campus de volei organizado polo Aldebarán. Igual que a Aldea de Verán desenvolverase nos meses de xullo e agosto en horario de mañá, de luns a venres este mes e de luns a xoves o que vén.

Da coordinación encárganse neste caso os xogadores do primeiro equipo Pablo Gómez Parga e Santi Díaz, a quen se lles uniu Tea Andric, xogadora de Superliga no Emevé feminino. Tal e como explica Parga, o obxectivo das sesións -nas que hai nenas e nenos desde os 5 até os 14 anos- é que a rapazada “faga deporte e que vaia collendo hábitos saudables. Que non estean tirados na casa toda a mañá.

A primeira clase foi de toma de contacto entre a trintena de participantes inscritos, facendo quecemento e tocando o balón, algo que algunhas e algúns -os menos- facían por primeira vez. “O plan para hoxe é que se vaian coñecendo, que saiban os nomes. Hai xente que vén das Pontes ou de Neda, e hai tamén alumnado do colexio que por ir en distintos cursos igual non teñen contacto directo. Por iso do que se trata é de que vaian empezando a interactuar entre eles”, comenta Parga.

As sesións do Aldebarán van máis aló de aprender a xogar ao volei. E é que este ano o club introduciu como novidade o uso do inglés para manter fresco vocabulario e unha maior insistencia nos hábitos saudables. “Temos dous turnos, de 10 a 11.30 e de 11.30 a 13.00h. No medio facemos un parón dez minutos e fomentamos os hábitos saudables, que coman froita e que beban auga e que se acostumen a comer ben antes durante e despois do deporte. Tamén hai inglés con cousas moi puntuais, que aproveiten o xogar ao volei para incrementar vocabulario”.

Informática infantil a partir do mércores
A terceira opción a medio camiño entre o lecer e a conciliación é o curso de informática promovido pola Aula CEMIT tamén para os meses de xullo e agosto. Neste caso trátase dunha actividade para os martes e mércores centrada na iniciación ao manexo do ordenador e doutros dispositivos dixitais.

A responsable da aula, Carmen Suárez, mostrábase sorprendida pola boa acollida que tivera a iniciativa, que cubriu case a totalidade das prazas tan só dúas horas despois de facerse pública a través de Facebook. Ante o éxito, a técnica decidiu ampliar de 10 a 20 o cupo de vacantes, divididas en dous grupos de idade, o primeiro con rapazada de 9 a 12 anos -de 10 a 11.30h.- e o segundo con nenas e nenos de 6 a 8 anos, que acudirán á actividade en horario de 12 a 13.30h.

Os cursos comezan o mércores, xa que este martes é festivo local en San Sadurniño. “Primeiro veremos cal é o nivel de cada grupo en canto a coñecementos informáticos e despois prepararemos unha proposta educativa adaptada a ese nivel”, avanza Suárez engadindo que as actividades se proporán “como un xogo” co que as nenas e nenos se familiaricen co funcionamento da tecnoloxía: “acender o ordenador, o escritorio, os arquivos e os cartafoles… pero tamén manexo básico, conceptos de seguridade asequibles á infancia, ferramentas de debuxo e escrita e incluso aprendizaxe de mecanografía con software libre”.