Friday 22 de November de 2024

A Xunta destina máis 218.000€ a fomentar a promoción da igualdade nos concellos de Ferrolterra


A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella e o delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro expuxeron a resolución dos catro programas de axudas

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella e o delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, presentaron o resultado da resolución das axudas a entidades locais da Xunta de Galicia para o ano 2019 para fomentar e promocionar a Igualdade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Nas bases reguladoras figuran o desenvolvemento dos seguintes programas: fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar; promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento da violencia de xénero; apoio aos centros de información ás mulleres e a sensibilización; e información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres. En total, na provincia da Coruña a Secretaria Xeral da Igualdade destinará máis de 1,8M€ para as entidades locais de toda a provincia.

Concretamente, estas achegas deixarán na comarca de Ferrolterra máis de 218.000€ cun primeiro pagamento do 75 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado. O 25% restante librarase logo da xustificación polas entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención.

Serán 4 entidades locais as beneficiadas para a realización de campañas de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar, cunha achega de máis de 30.000€ (Cabanas, Cariño, Mugardos e Ortigueira). Para a posta en marcha de programas de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero serán 3 os concellos que conten que conten cunha axuda total de case 9.000€, (As Pontes de García Rodríguez, Fene e Ortigueira)

As concesións para o programa de apoio aos Centros de Información ás Mulleres chegarán a 3 CIM en As Pontes de García Rodríguez, Ares, Ferrol e Ortigueira que agrupan a 8 concellos, cun investimento de apoio ao seu funcionamento de máis de 154.000€, e para as accións de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres contarán cunha achega de máis de 24.000€, 6 entidades locais (As Pontes de García Rodríguez, Cabanas, Monfero, Ortigueira, San Sadurniño e Vilarmaior).