Saturday 16 de November de 2024

A Xunta destina máis 371.000€ a fomentar a promoción da igualdade nos concellos do Barbanza


A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella e o delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro expuxeron a resolución dos catro programas de axudas

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella e o delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, presentaron o resultado da resolución das axudas a entidades locais da Xunta de Galicia para o ano 2019 para fomentar e promocionar a Igualdade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Nas bases reguladoras figuran o desenvolvemento dos seguintes programas: fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar; promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento da violencia de xénero; apoio aos centros de información ás mulleres e a sensibilización; e información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres. En total, na provincia da Coruña a Secretaria Xeral da Igualdade destinará máis de 1,8M€ para as entidades locais de toda a provincia.

Concretamente, estas achegas deixarán na comarca do Barbanza máis de 371.000€ cun primeiro pagamento do 75 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado. O 25% restante librarase logo da xustificación polas entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención.

Serán 7 entidades locais as beneficiadas para a realización de campañas de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar, cunha achega de máis de 81.000€ (A Pobra do Caramiñal, Boiro, Carnota, Lousame, Mazaricos, Outes e Rianxo). Para a posta en marcha de programas de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero serán 4 entidades locais as que conten cunha axuda total de máis de 31.000€, (A Pobra do Caramiñal, Boiro, Carnota e Ribeira)

As concesións para o programa de apoio aos Centros de Información ás Mulleres chegarán a 5 CIM en Boiro, Muros con Carnota, Noia, Outes e Ribeira cun investimento de apoio ao seu funcionamento de máis de 196.000€, e para as accións de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres contarán cunha achega de máis de 63.000€, 10 entidades locais (Pobra do Caramiñal, Boiro, Carnota, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rianxo e Ribeira).