Friday 22 de November de 2024

Gran éxito de participación e seguimento da primeira exposición de coches e motos antigas do Concello de Noia e Noia Histórica


 

A concelleira de Comercio, Mariola López, confirma que haberá unha segunda edición con máis vehículos e máis actividades

As rúas de Noia viaxaron ao pasado durante esta mañá. Un total de sesenta vehículos, 43 turismos e 17 motocicletas, participaron na primeira exposición de coches e motos antigas organizada polo Concello de Noia e Noia Histórica e que congregou a varios centos de persoas, primeiro na Alameda e despois polas rúas do casco histórico.

As máis de cen persoas que tomaron parte na exposición foron recibidos na Alameda pola concelleira de Comercio, Mariola López Cierto, e polo vicepresidente de Noia Histórica, Alfonso Balderrábano, mentres os voluntarios lles entregaban un mapa da vila co emprazamento no que se situarían durante toda a mañá no casco histórico. Despois dunha hora expostos na Alameda, todos os participantes fixeron un percorrido pola vila, dando a volta á Alameda pola rúa Galicia e a rúa Rosalía de Castro, para despois baixar pola rúa de Pedra Sartaña ata o Malecón, dende onde subiron pola rúa Ferreiro para emprazarse nos distintos puntos do casco histórico: rúa do Curro, Praza do Tapal, Praza da Constitución…

Os dous vehículos que máis chamaron a atención foron sen dúbida un gran Cadillac dos anos cincuenta e o Rolls-Royce, ambos nun magnífico estado de conservación. Tamén tiveron bastantes seguidores un Corvette Stingray V8, un vello Porsche e, entre os máis pequenos, un gran Jeep sen capota no que montou máis de un. No que atinxe ás motocicletas, as grandes protagonistas foron as Lambrettas, así como algunha peza de principios do século pasado.

Continuidade

A concelleira de Comercio amosouse moi satisfeita polo resultado da iniciativa pois “tivemos unha gran participación e conseguimos que nos visitara moita xente da contorna, co efecto dinamizador que tivo tanto para a nosa hostalería como para o noso comercio, que hoxe comezaba as rebaixas”. De feito, era común ver a xente seguindo a exposición por todo o casco antigo e levando consigo bolsas do comercio noiés.

Por iso, Mariola López anuncia que a iniciativa terá continuidade: “buscaremos a fórmula para atraer máis participantes e tamén que poidan estar todo o día, non só media xornada, para o que buscaremos máis emprazamentos e máis actividades, pois hoxe puidemos comprobar a positiva repercusión que tivo esta exposición sobre o noso comercio e o noso sector hostaleiro”. De feito, nesta primeira edición quedaron varios vehículos fóra da exposición por intentar anotarse fora do tempo de inscrición establecido.

O acto rematou ás tres da tarde cun concerto de Aullido no claustro da Casa do Concello ao que asistiron as máis de cen persoas que participaron nesta exposición e aos que agradeceu a súa presenza o alcalde de Noia, Santiago Freire, quen estivo acompañado polos concelleiros electos Laura Salgado García, Juan Ramón González Oviedo e Martín Fernández Godón. Freire felicitou tamén á concelleira de Comercio por esta iniciativa e amosouse totalmente de acordo coa súa continuidade, “sobre todo despois da comprobación sobre o terreo do positivo que foi para o noso sector comercial e hostaleiro”.