Friday 22 de November de 2024

Medio cento de persoas gozaron dunha ollada ó firmamento da man do divulgador científico Jorge Mira


 

Medio cento de persoas achegáronse onte pola noite ó Pico Sacro para coñecer máis de preto o mundo da astronomía. Para iso, dende a organización do ciclo cultural Un mes e Pico contouse coa colaboración do coñecido divulgador científico Jorge Mira.

Esta sesión tamén contou coa presenza do alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e do delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro Tato. Ambos os dous agradeceron a Mira a súa participación nesta recta final do programa cultural en torno ao Pico Sacro que se leva desenvolvendo dende o pasado 17 de xullo.

O físico dirixiu esta Ollada ó firmamento dende a tumba do dragón explicando detalles do máis variado. Así, as persoas asistentes achegáronse ata o cumio do Pico Sacro para visionar constelacións como a Osa Maior, a Osa Menor, Escorpión ou Leo, entre outras.

Dun xeito moi didáctico e ameno, Jorge Mira explicou cuestións como os buratos negros ou a aplicación da teoría da relatividade de Albert Einstein. Uns puntos que suscitaron a curiosidade das persoas asistentes, que non cesaron de realizar preguntas e amosando, ao tempo, a súa satisfacción polo desenvolvemento desta interesante actividade.

O ciclo cultural Un mes e Pico finalizará ás 20.00 horas desta tarde cunha conferencia da man da arqueóloga Isabel Filgueira Rey. A programación finalizará cun recital de piano da man de Sofía Silva Carbajales.