Friday 22 de November de 2024

A Rolada despide unha nova promoción


Acto de peche de curso na escola infantil municipal de San Sadurniño

 

A Escola Infantil Municipal A Rolada celebrou esta mañá o seu peche de curso na Casa da Cultura. As nenas e nenos das tres aulas do centro preparáronlles ás familias cadanseu espectáculo, para o que este ano as mestras elixiron o eixo temático das distintas culturas que hai no mundo. Por iso o nome non podía ser outro que “Festival Internacional A Rolada”, que veu cargado de música galega, do Pacífico e mesmo en chinés. O evento tamén supuxo a despedida das nenas e nenos de 2 a 3 anos que á volta do verán empezarán xa no “cole de maiores”.

Uns que marchan e outros que veñen. E é que o centro conta para o curso 2019-20 cun total de 29 pequenos e pequenas admitidas, na súa maioría de San Sadurniño anque tamén houbo peticións de concellos limítrofes coma Narón, Moeche ou As Somozas e incluso de Cerdido e Ortigueira.

En canto ás idades, a escola ten completa a aula de 2 a 3 anos, mentres que nas outras dúas só hai 9 vacantes: dúas na intermedia de 1 a 2 anos e sete para a inicial de 0 a 1. Trala adxudicación das solicitudes formuladas nos dous períodos ordinarios de admisión do mes de marzo, as familias que precisen botar man deste servizo socioeducativo poden presentar a súa instancia para calquera das dúas unidades que aínda teñen vacantes.

Porén, máis que falar de matrículas e prazos, hoxe do que toca falar é da festa de fin de curso. Nais, pais, avós, avoas e outra xente da familia ateigaron a Casa da Cultura nunha mañá de sol e calor -a primeira desde hai días- na que brillaron máis que ninguén os nenos e nenas. Rebuldaron canto quixeron ao son dos ritmos que lles tiñan preparados as súas mestras, que hoxe andaban a cen -como é habitual no seu día a día- acalmando algún que outro desgusto e procurando que todas e todos levasen os pasos ensaiados nas últimas semanas, algo certamente difícil (imposible) con artistas tan miúdos.

O acto final e máis solemne da mañá foi a entrega de diplomas á cativería “graduanda” que marcha da escola para incorporarse ao “cole de maiores”. Para ese momento a rapazada si se cinguiu ao guión, agardando acomodada no escenario en pequenas cadeiras e cos atavíos que esixía a ocasión: birrete académico na cabeza e beca sobre os ombros. Os títulos recibíronos de mans do alcalde, Secundino García, e da técnica municipal de Igualdade, Verónica Rodríguez.

Antes do remate, a directora da EIM A Rolada, Lucía Formoso, agradeceulle ao Concello, á ANPA e ás familias a súa colaboración durante o curso. Como despedida, Formoso asegurou que a rapazada que marcha “leva un anaco de nós” e lembroulles ás familias que sempre terían a escola “para o que precisedes”.