O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, participou hoxe na apertura do III Congreso Internacional Aeronáutico e Espacial de Galicia, CIAG, que se desenvolve durante toda a xornada na cidade da Cultura. O obxectivo do encontro é aportar coñecemento sobre o futuro do sector, as oportunidades que ofrece o soporte a aeronaves en servizo, e os proxectos que se están desenvolvendo no ámbito das naves non tripuladas.
No CIAG participan máis de 200 empresas. Destaca a representación da industria aeroespacial da cidade mexicana de Querétaro, un foco de inversión internacional. O acto de apertura do congreso comezou ás nove da mañá. Interviron, por este orde, Enrique Mallón Otero, presidente do CAG (Consorcio Aeronáutico Gallego); Sergio Prieto, Director Territorial do ICEX, e o alcalde de Santiago. Sánchez Bugallo sinalou que Compostela é coñecida por ser unha Cidade Histórica, “Patrimonio da Humanidade como Querétaro”. Pero, engadiu, o que poucos imaxina, e que conta cunha gran universidade e somos “unha cidade punteira en ámbitos como a biomedicina”.
O rexedor destacou o alto nivel de formación das novas xeracións, “as mellor e máis formadas da historia de Santiago, xa que máis do 80% dos nosos xóvenes, entre os 25 e os 30 anos son licenciados universitarios”. Asegura o alcalde que o maior reto é ofrecerlle oportunidades de futuro. Pero, engade Sánchez Bugallo, “vostedes aportan tres conceptos fundamentais para ese futuro: tecnoloxía, innovación e turismo”, en referencia ao sector aeronáutico.
Neste momento, hai unhas 40 empresas asociadas ao Consorcio Aeronático Gallego, que empregan a 200 persoas. Entre os relatorios programados ata as dúas da tarde, hora de clausura, estaban “Oportunidades Industria Aeroespacial Mexicana”, “Un desenvolvemento aeronáutico sostible”, “STRATOFLY. Unha iniciativa para o liderado en aviación comercial hipersónica” ou “Oportunidades en soporte a aeronaves en servizo”.