Contribuíron a estas elevadas temperaturas o predominio dos ventos do sur e ceos nocturnos cubertos
O rexistro de temperaturas que elabora Meteogalicia permite afirmar que o outono de 2014 foi húmido e o máis cálido da serie histórica, xa que se rexistraron un 32% máis de precipitacións no conxunto da Comunidade, (a media histórica é de 390 L/m2; neste outono situouse no 495 L/m2); e no caso da temperatura media, superouse en dous grados, pois o valor da seria histórica sitúase nos 14.3ºC ºC e a rexistrada no outono foi de 16.3ºC.
O informe meteorolóxico elaborado por Meteogalicia resume que outono comezou cun mes de setembro no que as temperaturas foron máis altas do normal, debido á ausencia de sistemas frontais que trouxesen masas de aire frías e que ocasionaran un descenso destas. Destacaron especialmente as temperaturas mínimas, que presentaron ata 2ºC e 3ºC por riba da media. Ademais os primeiros e derradeiros días do mes foron especialmente cálidos.
Este outubro resultou o mes do outono máis cálido da serie histórica rexional (1961-2014). Contribuíron a estas elevadas temperaturas dúas causas, por unha banda, na primeira quincena as borrascas que afectaron a Galicia trouxeron ventos do sur e por outra, na segunda quincena do mes houbo un episodio anticiclónico con aire cálido nas capas medias da atmosfera, o que contribuíu aínda máis a esta anomalía positiva nas temperaturas.
No derradeiro mes do outono, as temperaturas en xeral resultaron cálidas para esta época do ano, debido principalmente ás mínimas. Os ventos predominantes de sur nas numerosas xornadas de ceos anubrados e chuvia, mantiveron estas temperaturas en valores bastante suaves. Ademais, non se rexistraron xeadas nin nevaradas, agás nalgunhas xornadas nas cotas máis altas da Comunidade.
En relación coas precipitacións, o outono comezou cun mes de setembro no que as cantidades de chuvia rexistrada foron superiores ao valor climático normal nalgunhas localidades galegas (principalmente no oeste e na metade Sur de Galicia). Dado que o dominante foron os chuvascos de carácter tormentoso, e nalgúns casos de forte intensidade, o número de días de chuvia non foi superior ao normal.
Outubro, aínda que estivo dentro ou moi preto da normalidade en xeral en todo Galicia, presentou dúas xornadas (15 e 16) nas que se deu conta de máis da metade da chuvia habitual nun mes considerado normal. Nestes dous días unha potente borrasca afectou a Galicia, que xa vira precedida por outros sistemas frontais os días anteriores.
Finalmente, o outono rematou cun mes de novembro que se pode considerar en xeral húmido. A continua chegada de sistemas frontais deu lugar a unhas precipitacións moi por riba do normal nun mes de novembro, e tamén a un número de días de chuvia por riba do agardado.
No Informe Climatolóxico do Outono de 2014, de acceso público a través da páxina web de Meteogalicia, pódense ampliar esta información sobre as temperaturas e precipitacións.