Friday 22 de November de 2024

Recepción ao equipo alevín do Aldebarán no Concello de San Sadurniño


 

Recepción no Concello de San Sadurniño aos alevíns do CV Aldebarán San Sadurniño, tras acadar un meritorio 6º posto no campionato estatal de volei desta categoría celebrado durante a pasada fin de semana en Valladolid.

Secundino García entregoulles unhas láminas deseñadas polo artista gráfico Juanlu Fernández parabenizando aos nenos polo resultado tanto no evento nacional como pola súa traxectoria esta temporada, na que acadaron o bronce no campionato galego e tamén se alzaron recentemente coa Copa Xogade da provincia. “Énchenos de orgullo. É unha garantía de futuro para o voleibol de San Sadurniño. Estou seguro de que o vivido estes días non o van esquecer nunca”, dixo o rexedor.

García trasladoulles, ademais, o agradecemento “no nome do Concello e de toda a xente de San Sadurniño” e mostrou a súa confianza en que os resultados obtidos animarán aos pequenos a “seguir no deporte e xogando ao volei e ser no futuro o referente para os que son nenos coma eles agora”. O alcalde tamén dirixiu a noraboa e o agradecemento municipal aos dous adestradores, Pablo Parga e Antonio Dopico.

Pola súa banda, o presidente do club, Juan Manuel García “Cobelo”, destacou o compromiso do Concello co volei e, máis que ninguén, o das familias “que fixeron un esforzo importante para que os rapaces xoguen ao voleibol”. Cobelo agradeceu tamén o labor dos adestradores e sinalou como “algo histórico” o sexto posto no campionato estatal desta categoría.

Na recepción os nenos estiveron acompañados das súas nais e pais, do capitán do primeiro equipo do Aldebarán, Uxío García, e tamén dos concelleiros Ana Belén Breixo, Tomás Calvo e a voceira do PP, María Belén Trigo.