Friday 22 de November de 2024

Abril Lamas, Isabel López e as discípulas de Gabriel Tizón asinan a exposición “Mulleres” na Galería do Concello de San Sadurniño


 

As áreas de Igualdade e Cultura de San Sadurniño xuntan unha escolma das obras da pintora Isabel López, da artista Abril Lamas e das mulleres que aprenderon a retratar co fotógrafo Gabriel Tizón nunha mostra que ten por obxectivo principal darlle visibilidade ao papel feminino en distintos ámbitos, como maneira de seguir reivindicando unha igualdade plena de dereitos e de peso social. As pinturas e as imaxes captadas altérnanse nesta exposición composta por unha vintena de pezas que ten moito de chamada de atención contra o machismo, pero tamén de exemplo da creatividade visual desde un pensamento en feminino. Pode visitarse até o 18 de xullo na Galería do Concello en horario de apertura ao público das oficinas municipais: de luns a venres entre as 8.30 e as 14.30h.

Abril Lamas ten formación en Belas Artes, unha disciplina onde se toca de todo en canto á expresión visual. E, dentro dela, un dos fundamentos transversais a todo o que se faga para ser mirado é a composición, entendida como o equilibrio -ou o desequilibrio- harmónico de todos os elementos que compoñen a imaxe. Lamas aplica esa norma non escrita cunha grande exquisiteza en catro trípticos fotográficos onde, ademais dos volumes, tamén xoga coa forza cromática de cores rechamantes que ela apaga á mantenta dándolles un acabado de película vintage.

A colección denomínase “As sábanas son coma cortinas na cama” e buscan reflectir sensacións oníricas, “a parte inconsciente da miña mente a través de catro trípticos baseados cada un deles nun soño independente”, explica a creadora. Segundo ela, o obxectivo é “levar esas visións e sensacións dos mesus soños a unha manifestación adaptada á realidade, sen entención narrativa”. A obra concíbese como “un autorretrato” interior da propia autora, aínda que a protagonista das imaxes sexa a tamén creadora Andrea Nicolás.

Na exposición aberta na galería municipal tamén atopamos a obra de Gabriel Tizón. Fotoxornalista ferrolán de longa traxectoria e tamén estreita relación con San Sadurniño, Tizón coordinou hai algún tempo un curso de fotografía encadrado nos obradoiros de memoria para persoas maiores. Ía dirixido a mulleres de idade avanzada que nunca na vida tiveran unha cámara nas súas mans. Con el aprenderon a ver e a mirar a través do obxectivo para retrataren o cotián da vida: o gando, a veciñanza, os labores… nunha experiencia de empoderamento dixital feminino. Dela saíron varias instantáneas, intercaladas coas feitas polo propio autor. “Mentres fotografío encontro un refuxio de soidade e, á vez, aprendo a comunicarme cos demais, a sentir empatía polo humano, a ser veciño na distancia. Intento fotografiar como penso, non como vexo”, comenta Gabriel Tizón sobre a súa maneira de entender o oficio.

A terceira pata de “Mulleres” son os cadros de Isabel López, quen opta por óleos para denunciar “a invisibilidade da muller”. A pintora xa expuxo o pasado mes de marzo en San Sadurniño e desta vez pon a súa arte ao servizo “dunha chamada de atención á sociedade machista que temos”.

A exposición estará aberta até o próximo 18 de xullo na galería do primeiro andar do Concello. Pode visitarse nos horarios de atención ao público das oficinas municipais.