A Consellería de Cultura e Turismo participa esta semana no certame Iberian Mice Forum que se celebra na cidade herculina
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, promove esta semana na Coruña a oferta do sector da organización de congresos e reunións de empresa no certame Iberian Mice Forum que se celebra no centro Palexco.
Trátase dun certame tipo workshop no que Turismo de Galicia manterá ao longo de tres días unha axenda de reunións cos principais operadores turísticos europeos, entre os que salientan os españois e os portugueses, relacionados co turismo de negocios e congresos MICE (Meetings, Incentives, Conference and Exhibitions).
Esta reunión inclúe entrevistas individuais con 25 operadores turísticos, aos que se lles presenta a oferta de produtos e servizos turísticos especializados na Comunidade galega para a organización de congresos e reunións profesionais.
Promoción do turismo de reunións
No eido da promoción dos produtos e servizos turísticos galegos relacionados con esta modalidade turística, Turismo de Galicia ten previsto participar este ano nos acontecementos máis destacados que se celebrarán en Europa, relacionados cos principais mercados internacionais.
Así, ademais deste encontro profesional e outros que xa se celebraron neste primeiro semestre do ano, o departamento de Turismo da Xunta participará en varias reunións de traballo específicas no que resta de 2019, así como na feira EIBTM World que se celebrará na cidade de Barcelona.