A obra é unha adaptación do actor local Pablo Meixe e será interpretada polos alumnos e alumnas do grupo da actividade de teatro financiado polo Concello
A axenda para a fin de semana en Ordes conta cun espectáculo de grande interese para todos os públicos. Trátase da obra teatral Romeo e Xulieta, que terá lugar este domingo, 30 de xuño. Será no auditorio da Casa da Cultura a partir das 20.30 horas e a entrada será de balde para as persoas que desexen acudir.
A obra é unha adaptación do ínclito texto de William Shakespeare a cargo do actor local Pablo Meixe, quen tamén a dirixe. “Mantense a esencia orixinal do texto, pero dulcificando o final, facéndoo máis accesible para calquera tipo de público ao reducirlle o ton tráxico visto ata o de agora”. Estará interpretada polos alumnos e alumnas das clases de teatro financiadas polo Concello de Ordes. Concretamente trátase de Laura Grela, Miguel Seoane, Pablo Suárez, Fátima Rodríguez, Ana Rodríguez, Sara Rebeca Otero, Uxía Iglesias, Xurxo Romero, Aira Portos, Alba Veiga e Lucas Morán.
Entre as entidades colaboradoras para esta posta en escena figuran o Concello de Ordes, o punto limpo de Ordes e o Museo do Traxe Juanjo Liñares.