Friday 22 de November de 2024

Aspaneps entrega en San Sadurniño as libretiñas feitas con papeletas electorais


 

Membros do centro ocupacional de Aspaneps en Fene pasaron hoxe pola Casa do Concello para entregar a encarga de 300 libretas feita hai un mes escaso. Son pequenos blocs que se fabricaron utilizando como materia prima cartón e milleiros de papeletas electorais sobrantes dos comicios municipais e europeos do pasado 26 de maio. Unha iniciativa coa que a área de Medio Ambiente quere poñer o acento sobre a reutilización e, ao mesmo tempo, contribuír ao labor que desenvolve a entidade en favor da integración sociolaboral das persoas que acoden ao seu centro ocupacional.

Aspaneps fixo tres modelos distintos: dous encadernados con espiral e tapa de cartón usando papeletas das municipais e un terceiro engomado por un canto e sen tapa, para o que botaron man das papeletas azuis das europeas. Os dous primeiros están pensados como libretiñas de notas ben xeitosas -miden arredor dunha cuarta- e o terceiro modelo ten a función de bloc tipo post-it do que sexa doado arrincar as follas para deixar calquera aviso.

Suso, un dos membros do centro de Aspaneps, explicaba este mediodía que o proceso de fabricación é moi sinxelo: “fixemos blocs e libretas. Cortamos o papel, fixémoslles buratos, puxémoslles espiral e cartón, serigrafiámolos e nada máis”. Todo é reutilizado, mesmo as tapas, “imos ao Mercadona de San Valentín e pedimos que nos garden cartóns para poder serigrafialo”, comenta Ramiro, outro dos integrantes do proxecto. De feito, segundo asegura Xavi Picos -educador de Aspaneps- “usamos cartóns dos que empregan para pechar os palés de mercadoría e nós incluso completamos o noso propio ciclo da reutilización aproveitando anacos que nos sobraron doutros traballos”.

Fabricar as 300 libretiñas levoulles arredor de cinco días de traballo artesanal que, a maiores, “tamén é un traballo de tipo terapéutico e social. Non é só a produción dun material que se usará para apuntar un teléfono, senón que para nós ten un significado de crecemento persoal e de reforzo de habilidades cognitivas. Por exemplo contar follas, que pode ser moi doado para moitos, pero para outros é un exercicio necesario”, comenta Picos.

Para o Concello a iniciativa é máis que nada “un xesto” a prol da integración sociolaboral que desenvolve Aspaneps, pero tamén da reutilización como primeiro dos “R” da sostenibilidade. No encontro que mantivo cos membros da asociación, Secundino García pediu que se reflexionase “sobre canto papel se destraga nunhas eleccións. E non só papeletas, senón tamén sobres que levan impreso o ano… se non o levasen poderían reutilizarse os que sobrasen, pero así hai que tirar con eles”. O rexedor amplía a reflexión á vixencia dun modelo electoral “do século pasado” baseado no papel. “Vivimos nunha época en que hai tecnoloxía de sobra para pasar a un sistema telemático que axilice os procesos electorais e que nos evite tanto despilfarro de papel… e de cartos”.