Friday 22 de November de 2024

Cultura e Educación sela unha alianza coa Asociación de Jóvenes Empresarios da Coruña para potenciar o emprendemento no Gaiás


AJE Coruña instalarase durante o 2015 no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura desde onde impulsará o networking entre as industrias culturais

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria segue apostando por favorecer o emprendemento no sector cultural e a dinamización das industrias creativas. Desta volta, promovendo, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, un convenio de colaboración coa Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) Coruña para favorecer o networking entre os profesionais da cultura.

O convenio, asinado entre a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; e o presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Coruña, Óscar Valcuende Rodríguez; está destinado a seguir impulsando o tecido creativo galego, dotándoo de ferramentas para ser máis forte e competitivo.

Deste xeito, AJE Coruña instalarase no Centro de Emprendemento do Gaiás, desde onde seguirá a apoiar e promover a creación de empresas e novas iniciativas, facilitar accións formativas e crear sinerxías empresariais dentro da nosa comunidade, prestando unha especial atención ao tecido cultural, favorecendo o networking entre os membros do Coworking e o Viveiro Gaiás e axudándoos a incrementar a súa rede de contactos profesionais e buscar oportunidades de negocio.

Cultura e Educación, a través da Fundación Cidade da Cultura, mostra así a súa aposta por converter ao Centro de Emprendemento Creativo do Gaiás en motor de novas empresas culturais, creativas e tecnolóxicas, un dos obxectivos clave do Plan Gaiás 2012-2018, proxecto estratéxico que rexe o complexo deseñado por Peter Eisenman e que aposta pola innovación, a imaxinación e a creatividade como aspectos clave para o crecemento económico.

Centro de Emprendemento engloba actualmente un espazo de coworking, un viveiro de empresas e o espazo de crowdworking Galicia Open Future, en alianza con Telefónica e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Tres iniciativas que, a día de hoxe, reúnen un cento de proxectos, consolidándose como un motor do apoio a innovación empresarial a xeración de novas empresas en Galicia.