Friday 22 de November de 2024

Lete Lasa asina os convenios de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición da cidade da Coruña que suman máis de 400.000 euros, un 91% máis que en 2018


O número total de equipos patrocinados na cidade herculina ascende nun 79% ao pasar de 14 a 25: 15 masculinos e 10 femininos cando en 2018 eran 7 e 6, respectivamente

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel, e mais polo director territorial da Coruña de Abanca, Gerardo Fuertes Ayerdi, participou no serán de hoxe na sinatura dos convenios de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición de Galicia para o exercicio 2019 da cidade da Coruña. A resolución definitiva do Plan publicada o pasado venres 14 de xuño, ascende neste ano 2019 ata os 3.332.219 euros, un 37% con respecto a 2018 cando se outorgaron 2.420.000 euros. Este importe total está confinanciado entre a Xunta de Galicia e ABANCA.

No acto que tivo lugar na sede da Xunta de Galicia na Coruña, o secretario xeral destacou o aumento nun 79% dos equipos patrocinados na cidade herculina polo Plan de Patrocinio Publicitario dos Equipos de Alta Competición de Galicia cun total de 25 equipos patrocinados: 15 masculinos e 10 femininos, cando en 2018 patrocináronse 14 (7 masculinos, 6 femininos e 1 mixto). Deste xeito, o importe que reciben os equipos da cidade da Coruña ascende aos 408.463,53 euros, medra un 91% respecto ao consignado en 2018 (216.537,82 euros). Cómpre salientar que tanto o número de equipos masculinos como o número de equipos femininos, duplícanse. Ademais, medra o número de equipos patrocinados nun 16% ata chegar aos 22 cando eran 19 en 2018 e medra o número de equipos femininos patrocinados nun 37,5%, sendo o ano pasado 8 e este ano 11.

Os equipos patrocinados na cidade de Coruña son o Druídas Béisbol Club, Club Básquet Coruña, Maristas Coruña, Club BKC Boxeo Kick Boxing Coruña, Club Ciclista Riazor, Zalaeta 100Tolos Feminino, Zalaeta 100Tolos Masculina, Club Esgrima Coruña, Victoria CF, Ural Club de Fútbol, Club Halterofilia Coruña Feminino (División Honra), Club Halterofilia Coruña Masculino (División Honra), Club Halterofilia Coruña Feminino (1ª División), Club Halterofilia Coruña Masculino (1ª División), Club de Mar San Amaro Feminino, Club de Mar San Amaro Masculino (Natación), Club Natación Liceo Feminino, Club Natación Liceo Masculino, Hóckey Club Liceo Feminino, Hóckey Club Liceo Masculino (OK Liga), Hóckey Club Liceo Masculino (OK Liga Prata), Club Arquitectura Técnica Feminino e Club Arquitectura Técnica Masculino (Rugby).

Nas súas verbas o mandatario galego agradeceu o “esforzo e a aposta decidida polo deporte galego” que fai a ABANCA e que posibilita “todos estes datos que serían inalcanzables doutro xeito”. Coa súa aposta, “o maior banco de Galicia amosa ás entidades privadas que o patrocinio deportivo ten un retorno importantísimo que axuda a calquera empresa a medrar económica e socialmente” .

191 equipos en toda Galicia
En total vense beneficiados nesta convocatoria de 2019, 191 equipos en toda Galicia, un 12% máis que en 2018 (171) e un 115% máis respecto ao primeiro ano do Plan, na tempada 2008-2009 que contou con 89 equipos patrocinados. Destes 191 equipos que finalmente asinarán os convenios (foron invitados ao programa un total de 213), 100 son equipos masculinos, 85 femininos e 6 mixtos. Un ano máis, o número de equipos femininos patrocinados volve medrar, 28 equipos na tempada 2008-2009 e 72 no exercicio pasado, polo que este ano medran nun 18%.

Como novidades do Plan, cómpre destacar a simplificación administrativa que supón unha axilización nos pagos que pasan de tres a dous, así como a creación dun grupo de patrocinio para modalidades e especialidades olímpicas e paralímpicas con equipos en campionatos de España de máximo nivel (karate, loita, natación e ximnasia) e a ampliación dos equipos que participen no terceiro máximo nivel en modalidades e especialidades olímpicas e paralímpicas (fútbol e baloncesto masculino e feminino e voleibol feminino).

Desde que o Plan botou a andar na tempada 2009-2010 consignáronse a este aspecto preto de 24 millóns de euros.