O I Torneo Nacional Feminino LaLiga Promises terá lugar no campo de Abegondo do 21 ao 23 de xullo e nel participarán os equipos sub-12 femininos dos clubs que forman parte da Liga Iberdrola xunto ao RC Deportivo como anfitrión
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe da inauguración do I Torneo Nacional Feminino LaLiga Promises que por primeira vez terá edición feminina do que xa é considerado como o mellor torneo de fútbol sub-12 do mundo. O mandatario galego amosou a súa ledicia de que esta “primeira edición histórica” teña lugar en Galicia, en Abegondo, e destacou o traballo de todas as administracións, nomeadamente a Xunta de Galicia e a Real Federación Galega de Fútbol, para “arranxar este camiño de pedras e construír unha pasarela moito máis cómoda que permita ás nosas promesas do fútbol feminino cruzar con máis facilidade a liña que as separa do fútbol de alta competición”.
Neste sentido falou da gran calidade do fútbol feminino galego, exemplificándoa con algúns nomes propios como os de Vero Boquete, Tere Abelleira, Malena Mieres ou Mari Paz Vilas, entre outras, e destacou como pouco a pouco vanse conquistando eidos que axudan á equiparación das rapazas cos homes que levan máis anos ca elas desfrutando deste tipo de eventos.
Así tamén lembrou a xesta do Dépor Abanca que o vindeiro ano xogará na Liga Iberdrola, a máxima división do fútbol feminino nacional, “un éxito que non sucedía desde que o equipo de Vigo, o Olivo, fora o último galego en transitar por esta división oito anos atrás”.
O I Torneo Nacional Feminino LaLiga Promises terá lugar no campo de Abegondo do 21 ao 23 de xuño e nel participarán os equipos sub-12 femininos dos clubs que forman parte da Liga Iberdrola -Atlético Madrid Feminino, Athletic Club, Fundación Albacete, Levante UD, Madrid CFF, Málaga CF, Rayo Vallecano, RC Deportivo, RCD Espanyol, Real Betis Féminas, Sevilla FC, Sporting Huelva, UD Granadilla Tenerife e VCF Feminino- xunto ao RC Deportivo como anfitrión.