Hoxe empeza o verán -a ver se é verdade-, acaba a escola a rapazada, saberanse as notas da selectividade, en moitos lugares xa teñen xuntada a leña do San Xoán… Arrecende a vacacións, e iso tamén se nota na programación municipal e veciñal, que nos depara para hoxe e mañá saltas en Naraío e Igrexafeita, a clausura das escolas culturais e unha exhibición da Asociación Cultural Brío. E todo mirando ao ceo, xa que o cambio de estación tampouco está aclarando moito se vai parar de chover, se vai vir a calor e se o tempo se vai poñer ao xeito que lle toca. Para a fin de semana Meteogalicia di coma Pemán “pode que choiva, pode que non”, así que confiemos en que a auga nos respecte alomenos ata luns.
As cacharelas de entidades que nos pasaron información, a de Adiante de Igrexafeita e a do Castelo de Narahío, non se celebrarán o domingo, senón que en ambos casos optaron por sacalas do día para xuntar o maior número posible de veciños e veciñas. E é que máis que saltas serán xuntanzas da parroquia para cear e botar unha parolada aproveitando a escusa do lume.
Así, esta noite de venres en Naraío xuntaranse arredor dun cento de persoas no local social da Veiga para comeren empanada, churrasco e sobremesa como aperitivo do acendido da pira ergueita ao pé do campo de fútbol con ramallada e algunha que outra táboa podre polo medio. Na convocatoria que a asociación enviou ás casas tamén se anima á rapazada a acudir ao local a iso das sete da tarde para recoller herbas aromáticas, como rito propio do solsticio que despois se ha culminar co lume e cunha repichoca popular.
En Igrexafeita o encontro será mañá sábado á noitiña con liscos, sardiñas, pan e bebida precedidos do espectáculo de clown “MereCidamente”. Alí apuntáronse máis de medio cento de veciñas e veciños que teñen no San Xoán unha das súas citas principais do calendario anual. A outra será o sábado 13 de xullo, cando acudirán de merendada ao San Cristovo de Ferreira. Xantarán ensaladilla, salpicón e xarrete, acompañados á sobremesa de biscoito, requeixo e café. O prezo son 25€ e nel inclúese a cea a base de paella. Hai que apuntarse nos teléfonos 696 912 975 ou 626 839 398. antes do 10 de xullo.
O día forte en todo o concello -e no resto do mundo mundial- será o domingo, véspera do San Xoán e día propio das saltas segundo a tradición cristiá que asimilou costumes ancestrais asociados ao cambio de estación. O Concello recibiu até o momento de redactar esta nova un total de 105 comunicacións previas, que a administración local lle remite ao Distrito Forestal a medida que lle van chegando. En calquera caso, e aínda que todo estea mollado, moito ollo co lume.
Clausura das escolas culturais e exhibición da Asociación Brío
O sábado á tarde a actividade cultural estará concentrada en San Sadurniño. As tres escolas musicais que ten en marcha o Concello rematan temporada durante estes días e, como é costume, as tres xuntaranse na Casa da Cultura para mostrar os temas nos que estiveron traballando e dar conta das súas melloras nos últimos meses.
A cita é este sábado 22 de xuño a partir das 18.00h. , cando subirán ao escenario as tres agrupacións de pandeireta, os grupos de iniciación e perfeccionamento de gaita e tamén os membros do coro que ensaia en San Sadurniño. O seu repertorio estará composto principalmente por pezas do repertorio vocal e istrumental galego, combinando no caso das escolas tradicionais interpretacións individuais e alomenos dúas montaxes conxuntas con voz, gaitas e percusión. A entrada no acto é de balde.
Pouco despois de rematar as actuacións na Casa da Cultura, a Asociación Cultural Brío tamén ten previsto pechar o seu calendario cunha exhibición de tres disciplinas: patinaxe, danza fitness e hip-hop. Será a partir das 19.30h. nos xardíns municipais… se o tempo aguanta e, se non, as propostas terán lugar no ximnasio do CPI no caso da patinaxe e, ao acabar, terían lugar na Casa da Cultura os espectáculos de danza fitness e hip-hop.
Aínda que a actividade da entidade baixe durante as vacacións do verán, desde a Asociación Cultural xa están anunciando programación a dous meses vista. O 1º de setembro ás 10.30h. organizan unha andaina solidaria a favor da Asociación Española Contra o Cancro, en colaboración coa xunta local desta asociación na vila das Pontes.