Thursday 21 de November de 2024

Ángeles Vázquez chama a valorar a paisaxe como sinal identitario de Galicia e elemento clave nas intervencións sobre o territorio


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda interveu esta mañá no acto de apertura do seminario ‘Paisaxes herdadas, paisaxes construídas, paisaxes vividas’, dirixido a estudantes e profesionais do eido da arquitectura e o urbanismo

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá que a paisaxe é un dos principais sinais de identidade de Galicia, polo que instou a todos os profesionais relacionados co mundo do urbanismo a introducila como un dos eixos fundamentais á hora de planificar e acometer futuras intervencións sobre o territorio.

Durante o acto de apertura do seminario En Route Paisaxes herdadas, paisaxes construídas, paisaxes vividas, que busca abordar esta materia desde diferentes dimensións e perspectivas co fin de abrir un espazo de reflexión sobre a paisaxe e a súa protección a futuro, Vázquez Mejuto incidiu na importancia do patrimonio paisaxístico nunha comunidade como a galega, xa que supón un activo ambiental indiscutible e á vez actúa como motor económico ao exercer de atractivo turístico.

Neste sentido e ante un auditorio conformado fundamentalmente por profesionais e estudantes de arquitectura e outras ramas relacionadas co urbanismo, emprazou aos asistentes a colaborar coa Xunta na protección e posta en valor da paisaxe de Galicia. “Agardo contar coa sensibilidade e o apoio de todos os profesionais que operan na nosa comunidade en cuestións relacionadas coa paisaxe e o urbanismo”, declarou.

Tras apelar a esa cooperación entre o ámbito público e o privado para incidir no respecto pola paisaxe e na necesidade dunha ordenación territorial responsable, a conselleira lembrou o compromiso do Goberno galego coas políticas a prol da ordenación paisaxística e do urbanismo sustentable.

Como proba, referiuse ao pulo que a Xunta lle deu a esta materia nos últimos 10 anos desde o punto de vista normativo, dotando á comunidade dunha Lei de Protección da Paisaxe e dunha nova Lei do Solo, de instrumentos como as Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan de Ordenación do Litoral, dunha Estratexia da Paisaxe Galega e de ferramentas a nivel informativo como o Catálogo das Paisaxes de Galicia.

Próximos pasos en 2019
A intención da Xunta, segundo dixo, é seguir avanzando nesa mesma liña, co obxectivo de que este mesmo ano se poida rematar o documento estratéxico relativo á Infraestrutura Verde da Área da Coruña, proxecto pioneiro e que sentará as bases para o resto da comunidade; se empecen a tramitar as Directrices da Paisaxe; se traballe na nova Estratexia da Paisaxe Galega co horizonte 2021-2023; e sobre todo, se lle dea pulo ao regulamento da Lei de Protección da Paisaxe, que acaba de iniciar en maio a súa tramitación co obxectivo de converterse nunha nova ferramenta para conservar e poñer en valor o patrimonio paisaxístico de Galicia.

Os seminarios En Route son unha iniciativa da rede de universidades para a aplicación do Convenio Europeo da Paisaxe (Uniscape), unha entidade creada en Florencia no ano 2008 e que na actualidade agrupa a 56 universidades de 15 países e dúas fundacións que promoven estudos e investigacións sobre temas paisaxísticos.

En Galicia, a Universidade da Coruña (UDC) imparte desde o presente curso 2018-2019 o grao de Paisaxe de forma conxunta coa Universidade de Santiago polo que o seminario celebrado hoxe contou tamén co apoio e colaboración da UDC así como do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.