Friday 22 de November de 2024

O titular da Xunta pacticipou, hoxe, na clausura do IX Congreso Nacional de Unións Agrarias-UPA


Feijóo salienta a importancia do rural para Galicia e reivindica a Metaga como instrumento clave na súa reactivación

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a importancia do rural para Galicia e reivindicou a Lei de mellora da estrutura territorial agraria (Metaga) como un instrumento clave na súa reactivación. Unha lei que xa se está a tramitar no Parlamento e que pretende mellorar a produtividade agraria dando resposta a unha vella demanda do sector: que non haxa terras fértiles sen traballar. “Queremos mellorar a produtividade agraria a través da Metaga, con tres opcións: que os propietarios cultiven a terra, que a arrenden ou que a poñan a disposición do Banco de Terras”, incidiu, a modo de resumo.

Durante a clausura do IX Congreso Nacional de Unións Agrarias-UPA, Feijóo aseverou que calquera impulso ao rural tamén debe pasar por unha fiscalidade favorable. E, neste sentido, afirmou que esta lei recolle deducións ata chegar a impostos cero para propiciar produtividade nas terras agrarias. “Decidimos que as terras se poden vender, doar ou testar sen impostos, sempre que o adquirinte a siga mantendo cultivada ou a dedique ao cultivo tanto forestal como agrario. Estamos a falar dunha fiscalidade que non existe noutro sector”, precisou.

Logo de destacar a necesidade de traballar todos xuntos para facer fronte a novos retos, Feijóo animou ao sector lácteo a unirse nunha única organización produtora láctea (OPL) para fortalecer a súa posición. E, lembrou tamén que nos últimos tempos producíronse numerosos avances e as explotacións leiteiras melloraron ao respecto da súa rendibilidade: a súa superficie medrou un 248% durante a última década; e a produción de leite é un 23% superior á que había dez anos atrás.

Ao longo da súa intervención, Feijóo garantiu o compromiso do Goberno galego para poñer en valor un dos grandes patrimonios do país. “Non estamos dispostos a resignarnos”, aseverou, referíndose á posta en marcha da primeira Lei de Montes da historia da Autonomía, co obxectivo de potenciar a riqueza forestal; e á aposta por un rural máis ordenado coa Lei de mobilidade de Terras e coa Lei do solo.

Consciente de que o camiño da recuperación só se culminará se se percorre xuntos, Feijóo expresou a vontade do Goberno autonómico a que o diálogo siga aberto; “de establecer unha vontade construtiva”.