Monday 25 de November de 2024

Medio millar de nenos comparten con Javier Fernández a presentación do seu espectáculo ‘Revolution on Ice’ que chegará a Coruña o 21 de decembro


Lete Lasa salienta a importancia de eliminar as distincións de xénero no deporte xa que “é plural, diverso, sen xénero nin idade” e asegura que ‘Revolution on Ice’ motivará aos “nenos a practicar patinaxe para equilibrar o número de licenzas masculinas e femininas en Galicia”

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou no serán de hoxe na presentación do espectáculo ‘Revolution on Ice’ do patinador artístico Javier Fernández que o vindeiro 21 de decembro desembarcará na Coruña no medio dunha xira por todo o territorio nacional e no que colabora a Xunta de Galicia. O evento tivo lugar no Colexio Liceo La Paz e contou coa asistencia de nenos e nenas procedentes dos clubs do Liceo de hóckey patíns e de patinaxe artística, Club Fervello, Galicia Rollers, Brincadeira, Escolas Deportivas Compañía de María, Aura, Alquimia e Conxuro.

Da man do dous veces campión do Mundo, sete veces campión de Europa e medalla de bronce olímpica, os responsables políticos realizaron unha actuación de promoción da patinaxe artística. O titular da carteira deportiva salientou a importancia de eliminar as distincións de xénero no deporte xa que “é plural, diverso, sen xénero nin idade, enriquecedor da sociedade, transmisor de valores, formador, igualador e motor de cambio social”. Neste sentido cifrou en 126.350 os rapaces e rapazas mutualizados no programa Xogade da Xunta de Galicia que representan case o 55% de toda a poboación escolar. “Queremos que esa porcentaxe sexa o 100% de todos os nenos e nenas que hai en Galicia e para iso queremos achegarlles o deporte con iniciativas como esta”, dixo.

O secretario xeral asegurou que ‘Revolution on Ice’ -que no 2018 chegou a 60.000 persoas- tamén animará a máis nenos a “practicar patinaxe para equilibrar o número de licenzas masculinas e femininas que nestes momento amosa un 67,33% de licencias femininas en Galicia”.

Ao fío da proeza acadada por Javier Fernández, Lete Lasa lembrou os 47 anos de historia do Liceo nos que “un humilde equipo” acadou sete Ligas, nove copas do Rei, seis Copas de Europa e cinco Copas Intercontinentais, entre outras moitas.

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou a importancia de que Galicia fose o destino escollido para a celebración desta iniciativa ao supor unha oportunidade para achegar o potencial turístico galego a un público familiar da man dun deporte como a patinaxe. “Na Xunta cremos firmemente no deporte como unha maneira de enriquecer a actividade turística, especialmente fóra de tempada alta”, explicou recordando que así se plasma na Estratexia de turismo de Galicia 2020, para consolidar a competitividade e calidade do destino.

Por iso, engadiu, “Galicia é un escenario privilexiado para a celebración de eventos deste nivel”. Tras felicitar ao patinador Javier Fernández pola súa exitosa traxectoria e pola posta en marcha desta iniciativa que combina deporte con valores, Nava Castro salientou a importancia de seguir traballando para garantir unha oferta atractiva e completa que con espectáculos como este contribúen a seguir fortalecendo a competitividade de Galicia como destino.

Presentación na Cidade da Cultura
Xa pola mañá, o secretario xeral para o Deporte presentou ‘Revolution on Ice’ no Museo da Cidade da Cultura de Galicia.

Nese acto no que participaron nenos e nenas dos clubs Omega, Sarela, Berenguela, así como do CEIP Quiroga Palacios de Santiago, Lete Lasa gabou a figura de Javier Fernández como deportista pero tamén como persoa que conta co “recoñecemento de todo un país, de todo un continente e de todo un mundo” e subliñou a importancia da educación física acompañada “dunha educación en valores que transmitimos aos máis pequenos”. “Javier Fernández destaca precisamente polos seus valores e cualidades humanas, alén dos seus enormes éxitos deportivos”, engadiu.